A Xunta resolve a convocatoria para a creación de 20 novas casas do maior, que sumarán 100 prazas gratuítas de atención diúrna

Nestes momentos Galicia conta xa con 140 recursos destas características situados en diferentes concellos das catro provincias

Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2025

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución da convocatoria para a creación de 20 novas casas do maior en diferentes concellos de Galicia,  que suporán a creación de 100 prazas máis totalmente gratuítas destinadas á atención diúrna dos maiores. 

Esta nova convocatoria conta cun orzamento dun millón de euros e permite incrementar a rede de casas do maior de Galicia ata as 160. A resolución recolle que se crearán dous novos recursos nos concellos de Muxía, Boqueixón, Camariñas e San Amaro; e un novo servizo destas características nos municipios de Ponteceso, Fisterra, Oia, Carnota, Dumbría, Mazaricos, Maside, Petín, Campo Lameiro, Cerdido, Quintela de Leirado e A Mezquita.

Nestes momentos en Galicia xa hai en funcionamento máis de 140 recursos destas características que prestan servizo a máis de 700 maiores. A Xunta impulsou estes recursos pioneiros co obxectivo de ofrecer unha atención totalmente gratuíta aos maiores que viven nos concellos máis pequenos Deste xeito, poténcianse os coidados de proximidade na contorna e ofrécense alternativas de asentamento de poboación no rural.

 

 

Data de actualización: 15/09/2025