A Xunta salienta a calidade dos produtos alimentarios galegos na auténtica Premium Food 2025 de Sevilla

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria asistiu este mediodía á cerimonia inaugural desta feira gastronómica

A Consellería do Medio Rural participa neste evento con oito empresas alimentarias expositoras, que representan unha ampla variedade das elaboracións con selo de calidade da nosa comunidade

Esta programación empeza hoxe ás 12.00 horas cunha cata de viños brancos galegos con Denominación de Orixe premiados nas Catas de Galicia 2024, presentada polo sumiller Alejandro Paadín

No evento participan, da man da Xunta, oito empresas galegas do ámbito pesqueiro e inclúe un programa de actividades con produtos como o mexillón e o polbo como protagonistas ao abeiro da campaña GALICIA SABE AMAR

Sevilla, 15 de setembro de 2025

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, asistiu este mediodía á cerimonia inaugural da feira gastronómica Auténtica Premium Food 2025, que se está a celebrar hoxe e mañá na cidade de Sevilla. Alí, Alemparte sinalou que este tipo de celebracións se configuran como un escaparate ideal para favorecer a comercialización dos produtos alimentarios galegos con distintivo de calidade diferenciada.

A Consellería do Medio Rural participa neste evento con oito empresas alimentarias expositoras, que representan unha ampla variedade das elaboracións con selo de calidade da nosa comunidade; como poden ser o pan, os produtos lácteos e cárnicos ou os viños, entre outros. A maiores, organizouse un programa de actividades con catas e degustacións para que as persoas que acudan a este evento poidan probar estas elaboracións.

Esta programación empeza hoxe ás 12.00 horas cunha cata de viños brancos galegos con Denominación de Orixe premiados nas Catas de Galicia 2024, presentada polo sumiller Alejandro Paadín. Posteriormente, ás 16.00 horas, haberá unha presentación das Experiencias de Calidade da man do chef Álvaro Villasante, do Restaurante Paprica de Lugo, e coa colaboración dalgunhas das empresas participantes. A última actividade do día de hoxe será ás 17.30 horas, cunha cata de viños tintos galegos con Denominación de Orixe premiados nas Catas de Galicia 2024.

As actividades do martes 16 comezarán ás 12.00 horas, cunha presentación do selo Artesanía Alimentaria e da web experienciasdecalidade.gal. Posteriormente, ás 16.00 horas, haberá unha cata dos augardentes e licores premiados nas Catas de Galicia 2024 a cargo do sumiller Alejandro Paadín.

Produtos pesqueiros

Os produtos pesqueiros galegos serán outro dos atractivos desta edición coa presenza, da man da Xunta, de oito empresas do sector co obxectivo de afondar na promoción do peixe, marisco e conservas da comunidade. Así, participan como coexpositoras Mar do Suido, Frigoríficos Arcos, Conxemar, El Percebeiro, Costas y Miñan, Ramón Franco, Sepink Hispania e a Confraría de Pescadores de Barallobre. Ademais, o espazo acolle un programa de actividades específico ao abeiro do programa GALICIA SABE AMAR con produtos como o polbo ou o mexillón como protagonistas. Estes eventos supoñen unha gran oportunidade para as empresas galegas á hora de contactar con novos potenciais clientes e reforzar o posicionamento dos produtos pesqueiros galegos nos mercados.

Auténtica Premium Food 2025

Trátase da terceira edición deste evento, que reúne na capital andaluza á industria alimentaria, a distribución e a alta gastronomía. Prevese que este ano reúna a máis de 10.000 profesionais e conta coa participación de máis de 300 firmas expositoras.  A edición deste ano despregará seis escenarios simultáneos con mais de 120 conferencias e un programa composto por máis de 250 expertos, entre os que suman 40 Estrellas Michelin.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/09/2025