A Xunta pon en valor os proxectos de innovación do Centro Integrado de FP A Carballeira-Marcos Valcárcel

A directora xeral de Formación Profesional e o delegado territorial da Xunta en Ourense visitan o laboratorio no que se imparte o Máster de Cultivos Celulares, en cuxa impartición o centro foi pioneiro

Ourense, 17 de setembro de 2025

A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, puxo hoxe en valor os proxectos de innovación do Centro Integrado de FP A Carballeira-Marcos Valcárcel, en Ourense, “un centro que conta con máis de 50 anos de historia e que é un referente na FP galega”. Fíxoo nunha visita institucional co gallo da apertura do curso académico na que tamén participaron  o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, e o subdelegado de Goberno en Ourense, Eladio Santos.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou que, entre outros fitos que o sitúan á vangarda destas ensinanzas, o CIFP A Carballeira-Marcos Valcárcel é un dos centros pioneiros de España en ofertar, xa no curso 2020/21, o Máster de Cultivos Celulares, un título que capacita para obter, procesar e preservar cultivos que sirvan como apoio ao diagnóstico ou á procura de medicamentos.

“Desde a Xunta estamos a dar pulo a esta oferta formativa de calidade, dotando o centro tamén dos equipamentos máis punteiros e apoiando os seus proxectos de innovación”, destacou a directora xeral. Non en balde, no transcurso do percorrido polo centro os asistentes visitaron o laboratorio de cultivos celulares, o simulador 3D de condución de ambulancias en realidade virtual e a plataforma de adestramento didáctico en realidade estendida dunha cabina de seguridade biolóxica en rede e multiusuario, todas elas ferramentas facilitadas polo Goberno galego.

Ademais, tiveron a oportunidade de coñecer a plataforma de simulación háptica en realidade estendida para o adestramento en identificación de síntomas e lesións, iniciativa premiada pola Consellería na última edición dos premios a proxectos de innovación no ámbito da Formación Profesional.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/09/2025