Desde hoxe e ata o 19 de setembro Baiona acollerá o Congreso Anual do Grupo Español de Neurorradioloxía Intervencionista, que esta tarde inaugurou o conselleiro de Sanidade
Gómez Caamaño sinala o hospital público Álvaro Cunqueiro de Vigo como exemplo da excelencia da sanidade galega na abordaxe das patoloxías neurovasculares
A Sanidade pública galega é referente a nivel nacional nesta especialidade clínica ao introducir nos últimos anos novos procedementos e técnicas de intervención
O Hospital Público Álvaro Cunqueiro foi o segundo centro español en realizar implantes pouco invasivos nas arterias carótidas para previr os ictus
Na actualidade, o Servizo Galego de Saúde conta con 3 centros acreditados polo Grupo Español de Neurorradioloxía Intervencionista (GeNi)
O conselleiro remarca que a tecnoloxía de vangarda e o talento e dedicación dos profesionais da sanidade pública galega a sitúan como referente
Baiona (Pontevedra), 17 de setembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, inaugurou esta tarde o Congreso Anual do Grupo Español de Neurorradioloxía Intervencionista (GeNI), un acto no que salientou a excelencia acadada polo Hospital Público Álvaro Cunqueiro de Vigo na abordaxe das patoloxías neurovasculares.
Ata o vindeiro venres, a localidade de Baiona acollerá a expertos chegados de toda España para compartir as últimas novidades e os avances xurdidos ao redor desta especialidade clínica.
Durante a súa intervención, o responsable da Sanidade galega incidiu nos diferentes fitos sanitario acadados polo centro hospitalario vigués, poñendo o foco na incorporación de novas técnicas que o sitúan como referente a nivel nacional.
Entre outras, salientou a introdución do acceso radial distal, unha técnica pioneira que achega unha maior seguridade e unha recuperación máis rápida nas intervencións de tipo vascular.
“En apenas dous anos, a Sanidade galega realizou máis de 800 procedementos con esta técnica e, ademais, converteuse nun modelo de formación para os compañeiros doutros hospitais de España“, apuntou o conselleiro.
Nesta liña, Gómez Caamaño remarcou que o Hospital Público Álvaro Cunqueiro foi o segundo hospital español en realizar implantes pouco invasivos nas arterias carótidas co obxectivo de previr os ictus. Así mesmo, tamén foi dos primeiros centros nacionais en realizar cirurxías -mediante a neuroestimulación cerebral profunda- para tratar os trastornos obsesivo compulsivos refractarios.
Na compaña do xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente, o conselleiro remarcou que o sistema sanitario público galego combina a tecnoloxía de vangarda, o talento e a dedicación, e puxo o foco no excelente equipo de profesionais que conforman o Servizo Galego de Saúde.
Precisou que o labor dos nosos profesionais posibilita que Galicia conte con 3 centros acreditados polo Grupo Español de Neurorradioloxía Intervencionista (GeNi): na Coruña, en Vigo e en Santiago de Compostela. Uns equipos que participan activamente na capacitación teórica e práctica de procedementos tan complexos como o tratamento de aneurismas cerebrais, malformacións vasculares o ictus isquémicos agudos.
Gómez Caamaño pechou a súa intervención destacando o excelente programa científico deste encontro do Grupo Español de Neurorradioloxía Intervencionista (GeNi) que, ademais, converte Galicia no epicentro do debate, a reflexión e o coñecemento sobre Neurorradioloxía.