Medio Rural salienta en Vilariño de Conso o apoio ás explotacións gandeiras que se viron afectadas pola vaga de lumes

A conselleira do Medio Rural visitou esta tarde unha granxa que perdeu pastos e varios peches, e que ademais recibiu o alimento para gando posto a disposición pola Xunta desde a primeira semana dos lumes

Lembrou que o seu departamento puxo en marcha ata oito liñas de achegas para explotacións gandeiras, agrícolas e forestais que cubrirán o 100% do investimento, cun límite en función do tipo de axuda, podendo chegar aos 200.000 euros por persoa

A maiores, a conselleira mantivo un encontro con veciños afectados da Gudiña, aos que lles trasladou toda a información sobre as axudas que teñen á súa disposición

Vilariño de Conso (Ourense), 17 de setembro de 2025

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou esta tarde a explotación gandeira de Javier Fernández, situada en Vilariño de Conso e a cal se viu afectada pola vaga de lumes do pasado mes de agosto. Alí, lembrou o apoio do Goberno galego ás explotacións que sufriron danos polos incendios rexistrados no mes de agosto, tanto agrícolas, gandeiras como forestais..

Concretamente, explicou a conselleira, esta granxa que conta con 46 cabezas de gando bovino, sufriu unha perda de pastos e varios peches da gandaría. A maiores, foi unha das beneficiarias do reparto de alimento para o gando que se puxo en marcha desde a Consellería para axudar ás explotacións en plena vaga de lumes. En total, repartíronse 25 pacas; 70.000 kg de penso en taco; 23.000 kg de penso granulado; 3.048 rolos de herba seca; 28 tráileres de herba seca e 5 tráileres de palla para explotacións de 15 concellos de Ourense e Pontevedra, entre eles o de Vilariño de Conso.

María José Gómez asegurou que se vai seguir traballando para poñer a disposición dos agricultores e gandeiros “todas as ferramentas necesarias para superar esta situación”. Neste sentido, explicou que desde o seu departamento se habilitaron ata oito liñas de achegas para explotacións gandeiras, agrícolas e forestais que cubrirán o 100% do investimento, cun límite en función do tipo de axuda, que nalgúns casos pode chegar aos 200.000 euros por persoa.

No caso das gandeiras, Gómez detallou que se conta con axudas para a reparación de bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción das explotacións, cunha contía máxima de 200.000 euros por persoa. Hai tamén unha liña para a adquisición de alimento complementario para o gando en extensivo ou as colmeas superviventes nas zonas afectadas, para un período máximo de 6 meses e cunha contía máxima de 15.000 euros por persoa. Tamén se indemnizará aos gandeiros e agricultores por perdas na produción e, por último, disponse de axudas para paliar a morte de gando ou abellas, que se estimarán segundo o tipo de especie e a idade do animal.

 Reunión con veciños da Gudiña

Posteriormente, a conselleira do Medio Rural trasladouse ata o concello da Gudiña, onde mantivo un encontro con veciños afectados por esta vaga de incendios, aos que trasladou todo o apoio do Goberno galego e aos que lles lembrou todas as axudas que teñen á súa disposición para facer fronte a esta situación, tanto do seu departamento como as doutros da Xunta.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 17/09/2025