A Xunta dá luz verde ambiental con condicións á ampliación dunha explotación de vacún en Sarria

A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que as actuacións teñan efectos significativos adversos sobre a contorna sempre que se cumpra co fixado no propio informe ambiental e na documentación avaliada

O proxecto pretende aumentar a capacidade actual da explotación de 272 a 373 prazas para gando vacún de leite coa construción dunha corte semilibre, unha fosa de xurros, unha esterqueira e un muro de contención

Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2025

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental á ampliación dunha explotación de gando vacún de leite no concello lucense de Sarria, autorización supeditada, en todo caso, ao cumprimento das condicións incluídas nos distintos documentos emitidos durante a tramitación ambiental.

Segundo se recolle no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e feito público hoxe a través do Diario Oficial de Galicia, non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental como na restante documentación analizada e no programa de vixilancia ambiental.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de nove organismos e entidades interesados.

Froito desas consultas, a maioría realizaron a valoración correspondente e estableceron condicionantes que se engaden aos incluídos no propio programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

Neste sentido, consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpran certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación á calidade do aire; á protección do medio fluvial; á xestión de residuos; á integración paisaxística; aos efectos sobre o medio natural, a fauna e a flora, entre outros.

A maiores, o documento inclúe condicións para a protección ante accidentes graves ou catástrofes e tamén a esixencia de que, antes da finalización da vida útil das instalacións, deberá remitirse un informe ao órgano substantivo —a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias— que conteña todas as actuacións previstas para, se é o caso, proceder ao desmantelamento e abandono das instalacións.

Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver a ampliación, remitiuse a resolución ao órgano substantivo e agora dáselle publicidade no Diario Oficial de Galicia e na páxina web da Consellería.

Descrición da actuación

A explotación de vacún de leite obxecto do presente IIA atópase no lugar de Reboredo, na parroquia de San Pedro de Seteventos, nunha contorna de carácter eminentemente agrícola. Actualmente conta con capacidade para albergar 272,3 prazas para vacún de leite de distintas idades e coa ampliación proposta se incrementará ata as 374 prazas.

As obras proxectadas, promovidas por Ganados Silva SC, consistirán na ampliación dunha corte semilibre de case 2.400 m2 e mais na construción dunha fosa de xurro, dunha esterqueira e dun muro de contención e na cubrición da fosa e da balsa de xurro xa existentes.

Cómpre subliñar que se trata dunha explotación gandeira orientada á produción de leite e na cal a reposición das vacas produtoras realízase coa recría da propia explotación. O manexo da granxa é semi intensivo, con pastoreo e recollida de herba e ensilado nas parcelas. De feito, a alimentación animal baséase principalmente en silo de millo e de herba, así como penso, que se complementa co pastoreo estacional.

Agora, será a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, como órgano substantivo encargado de tramitar o conxunto do proxecto e de autorizalo en última instancia, a que pase a asumir de novo o expediente unha vez completado o trámite ambiental. Tamén se encargará de velar, en caso de saír adiante, polo cumprimento das exixencias ambientais recollidas tanto nos informes sectoriais como no propio IIA e no plan de vixilancia ambiental de aplicación.

Data de actualización: 18/09/2025