A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, mantivo hoxe senllos encontros en Tokio con representantes de Orix Corporation e de Fujitsu Limited
Lorenzana reclama desde Xapón ao Goberno a convocatoria das poxas de eólica mariña e o reforzo da rede eléctrica para que a enerxía producida poida chegar a fogares e industrias
Orix Corporation é un grupo empresarial que opera en España a través da súa filial Elawan Energy, con sede en Madrid e presente en 15 países de Europa e América, especializada en todo o ciclo de vida das renovables
É unha das empresas que quere optar a instalar tres parques eólicos mariños (495 MW cada un) fronte á costa galega (en concreto, fronte á costa de Lugo e A Coruña), para o cal xa presentou os respectivos proxectos ante o Ministerio de Transición Ecolóxica
Acompañada polo embaixador de España en Xapón, Íñigo de Palacio, lamentou que a parálise á que o Goberno está sometendo a este sector en España “é contraproducente” á hora de captar investimentos
Na mesma xornada, a conselleira tamén tivo oportunidade de reunirse con representantes de Fujitsu Limited, que se amosou interesada por coñecer a Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo aprobada pola Xunta
Tokio (Xapón), 18 de setembro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, reclamou hoxe desde Xapón ao Goberno de España a convocatoria das poxas de eólica mariña e o reforzo da rede de transporte eléctrico para que a enerxía producida en Galicia poida chegar a fogares e empresas.
Lorenzana reuniuse hoxe con responsables da División de Enerxía e Medio Ambiente da empresa xaponesa Orix Corporation, a quen lles trasladou o interese do Goberno galego por atraer cara a Galicia investimentos en proxectos de enerxía renovable como a eólica mariña.
Orix Corporation é un grupo empresarial que opera en España a través da súa filial Elawan Energy, con sede en Madrid e presente en 15 países de Europa e América, especializada en todo o ciclo de vida das renovables, fundamentalmente eólica, fotovoltaica e hidroeléctrica.
Tal e como informou a conselleira, Elawan é unha das empresas que quere optar a instalar tres parques eólicos mariños (495 MW cada un) fronte á costa galega (en concreto, fronte á costa de Lugo e A Coruña), para o cal xa presentou os respectivos proxectos ante o Ministerio de Transición Ecolóxica. “É coñecedora, polo tanto, do recurso do que dispón Galicia e do noso potencial industrial para conseguir pechar a cadea de valor deste sector, que é ao que aspiramos”.
Neste contexto, e acompañada polo embaixador de España en Xapón, Íñigo de Palacio, Lorenzana aproveitou, polo tanto, para poñer de manifesto que a parálise á que o Goberno está sometendo a este sector en España “é contraproducente á hora de captar novos proxectos de investimento coma este, que poden xerar riqueza na comunidade. Segundo precisou, xa con tres anos de atraso, aínda está pendente de convocar a primeira poxa de eólica mariña “na que Galicia quere e ten que estar”, lembrou.
“Apostar polas renovables é apostar pola diversificación industrial e por unha enerxía limpa e máis barata para fogares e empresas, que é o obxectivo do Goberno galego”, concluíu.
Reunión con Fujitsu Limited
Na mesma xornada, a conselleira tamén tivo oportunidade de reunirse con representantes de Fujitsu Limited, unha compañía que colabora con Galicia no despregamento da computación cuántica e que, segundo indicou, “está interesada en todo o desenvolvemento de distintos tipos de tecnoloxías de seguridade e defensa” en España.
Así, apuntou que a compañía amosou o seu interese por coñecer a Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo aprobada polo Goberno galego para os vindeiros cinco anos, que prevé unha mobilización de 900 millóns euros. “Consideramos que a estratexia pode ser unha oportunidade para que Fujitsu poida desenvolver novos proxectos tecnolóxicos en colaboración con outras empresas que agora mesmo xa están traballando para presentar as súas propostas” no marco deste programa, asegurou a conselleira.
Lorenzana tamén lles explicou a política enerxética do Goberno galego vinculada aos recursos naturais para abaratar a enerxía a empresas e sectores estratéxicos que desexen instalarse en Galicia, e constatou o interese da compañía por investir en intelixencia artificial e proxectos de ciberseguridade para pemes.