Belén do Campo destaca que o Plan Camiña Rural supuxo un investimento de 156.000 € na mellora de infraestruturas rurais en Aranga
A delegada da Xunta avaliou co alcalde as achegas da Xunta que lle permitiron mellorar un camiños de acceso a parcelas agrícolas, da anualidade 24-25 con máis de 77.700 euros, e supervisaron a zona na que se executará a nova intervención cunha axuda de máis de 78.000 euros que reciben para as anualidades 25-26
Esta orde persegue a mellora de infraestruturas co gallo de xerar cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e de traballo no medio rural
Aranga (A Coruña), 18 de setembro de 2025
A delegada da Xunta, Belén do Campo, acompañada polo alcalde de Aranga, Alberto Platas, visitou hoxe o concello, e salientou alí o investimento de preto de 156.000 euros que recibe este municipio para intervencións ao amparo do Plan Camiña Rural de acceso a parcelas agrícolas das anualidades 24-25 e 25-26.
Este plan, estivo dotado en Galicia con case 19,5 millóns de euros para 2024 e 2025, o que supuxo o orzamento máis alto dende 2017. En concreto, no marco desta convocatoria, en Aranga realizouse unha actuación cunha axuda de máis de 77.700 euros que permitiu arranxar a pavimentación do Camiño do Toxiño en dous tramos un de 800 metros e outro de 1,3 quilómetros no que se renovou a capa de rodaxe existente con dobre rega asfáltica con aglomerado quente.
Estas axudas parten dunha asignación fixa por localidade que se incrementa en función do número de entidades de poboación, criterios de agrariedade e outras cuestións vencelladas coa superficie e a localización do municipio. Aranga conta, nesta nova convocatoria, cunha asignación de máis de 78.000 euros, que lle permitirá arranxar o viario de Ucheiras a Lousa. A delegada e o alcalde desprazáronse ata este camiño de 2,1 quilómetros que se mellorará, entre este ano e o que ven, con aglomerado en quente.
Comarca Betanzos 24-25
A delegada da Xunta informou que na comarca de Betanzos recibiron, no 24-25, estas axudas 10 concellos (Aranga, Oza-Cesuras, Betanzos, Vilarmaior, Vilasantar, Paderne, Curtis, Irixoa, Miño e Coirós), por un importe total de máis de 605.000 euros e na provincia da Coruña recibiron estes apoios 83 concellos por un importe de 5,2 millóns de euros.
Esta orde persegue a mellora de infraestruturas co gallo de xerar cohesión social e territorial, mellorando as condicións de vida e de traballo no medio rural. Neste punto sinalou que “ os camiños rurais facilitan a accesibilidade e vertebración do territorio, reforzan o tecido social e contribúen a mellorar a capacidade organizativa das áreas rurais, dinamizan o tecido produtivo e fixan poboación”.
A delegada engadiu que a través de iniciativas coma esta, “a Xunta mantén o compromiso coa promoción e coordinación do desenvolvemento do territorio rural galego”.
Nova convocatoria
O Plan Camiña Rural da Consellería do Medio Rural para o período 2025-2026, está dotado con preto de 19,5 millóns de euros de fondos propios. O investimento está distribuído en dúas anualidades, 9,5 millóns de euros para 2025 e 9,99 millóns para 2026. Este programa ten como obxectivo financiar as actuacións de mellora ou mantemento dos camiños municipais que dan acceso en calquera punto do seu trazado a polo menos dúas parcelas agrícolas. Na provincia da Coruña reciben estes apoios 86 concellos por un importe de preto de 5,5 millóns de euros e na comarca de Betanzos (Aranga, Betanzos, Coirós, Curtis Irixoa, Miño, Oza-Cesuras, Paderne, Vilarmaior e Vilasantar) por un importe de máis de 578.000 euros.
Estas axudas financian nun 100 % os gastos subvencionables. Deste xeito, nas actuacións subvencionables inclúense a ampliación de camiños para mellorar a seguridade viaria, o reforzo do firme existente, a adecuación de pasos fluviais e o mantemento das marxes.