O conselleiro de Sanidade inaugurou esta tarde o V Obradoiro Internacional de Miocardiopatías que se celebra hoxe e mañá na Coruña

Gómez Caamaño avanza o impulso das fortalezas do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña con novos equipamentos e unha área de rehabilitación cardíaca

Os servizos de cardioloxía galegos ostentan unha posición de liderado nos ámbitos da prevención, a asistencia sanitaria e a investigación das doenza cardíacas

No ano 2024, o Servizo Galego de Saúde realizou máis de 11.000 intervencións de cardioloxía intervencionista

A Unidade de Cardiopatías Familiares do Hospital Público da Coruña atende máis de 3.800 familias e ten participado en ensaios clínicos clave

A Coruña, 18 de setembro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, inaugurou esta tarde na Coruña o V Obradoiro Internacional de Miocardiopatías, un evento no que destacou o impulso das fortalezas do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña mediante a adquisición de novo equipamento e a posta en marcha dunha área de rehabilitación cardíaca.

Acompañado polo xerente da área sanitaria da Coruña e Cee, Luis Verde, o titular de Sanidade puxo de relevo a posición de liderado que ocupan os servizos de cardioloxía galegos.

Lembrou que os centros hospitalarios da comunidade son un referente en todos os seus ámbitos de actuación, contando con excelentes profesionais nos eidos da prevención, a asistencia sanitaria e a investigación da saúde cardíaca.

“O pasado ano a Sanidade pública galega realizou máis de 11.000 intervencións de cardioloxía intervencionista”, apuntou Gómez Caamaño, ao tempo que puxo en valor os protocolos asistenciais cos que conta o sistema sanitario público galego.

Entre os servizos de referencia cos que conta Galicia, abundou Gómez Caamaño, destacou a Unidade de Cardiopatías Familiares do Hospital Público da Coruña. Un servizo que conta cun equipo multidisciplinar que atende a máis de 3.800 familias e que ten participado en diferentes ensaios clínicos.

Na mesma liña, remarcou a importancia que teñen as actuación preventivas e a detección precoz nos coidados da saúde cardíaca. Así,  salientou o cribado de cardiopatías conxénitas posto en marcha pola Xunta en decembro, que permite detectar as patoloxías que causan o 20 % dos falecementos durante o período neonatal.

O conselleiro pechou a súa intervención subliñando a calidade da programación do V Obradoiro Internacional de Miocardiopatías, onde expertos das diferentes áreas da cardioloxía analizarán a abordaxe de diversos casos clínicos, ademais de pór en común as últimas novidades vencelladas ás terapias e aos tratamentos cardiolóxicos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/09/2025