A Xunta avanza nas obras da estación intermodal de Lugo e incide na demanda de máis conexións ferroviarias para a cidade

Co gallo da Semana Europea da Mobilidade, o conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes visitou as actuacións que está a executar o Goberno galego na terminal de autobuses e no aparcadoiro, que supoñen un investimento de case 14 millóns de euros

A cidade benefíciase tamén do programa de mellora da accesibilidade e conectividade das paradas de autobús, que permitirá actuar en máis dun milleiro de puntos en toda Galicia

Diego Calvo destaca as distintas medidas impulsadas a prol da mobilidade, con infraestruturas, liñas de axudas ao sector do transporte e descontos para as persoas usuarias do transporte público de competencia autonómica

Lugo, 19 de setembro de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado da directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, visitou hoxe as obras da estación intermodal de Lugo correspondentes ao Goberno galego, centradas na terminal de autobuses e no aparcadoiro e que supoñen un investimento de case 14 millóns de euros. A visita enmárcase na Semana Europea da Mobilidade, que este ano ten como lema Mobilidade para todas as persoas, poñendo o foco na necesidade de garantir un transporte  accesible, asequible, inclusivo e seguro.

Diego Calvo indicou que estes obxectivos son compartidos pola Xunta, tal e como reflicten as distintas medidas impulsadas para facilitar a mobilidade e fomentar o uso do transporte público. Nesta liña, referiuse á aposta por infraestruturas como as estacións intermodais, que en Galicia xa están funcionando nas cidades de Santiago, Vigo, Ourense e Pontevedra ademais de estar en obras nas da Coruña e Lugo, froito da colaboración entre as administracións estatal, autonómica e local, e financiadas con Fondos Europeos Feder ou Next Generation.

Con respecto ás obras en Lugo, segundo indicou, a previsión é que estean completamente rematadas en prazo, no outono de 2026. No que se refire ao aparcadoiro subterráneo, o grao de execución supera xa o 80% e prevese finalizalo este mesmo ano, coa excepción das acometidas eléctricas de media tensión. Na actualidade están en execución os viais de acceso dos vehículos e os núcleos de acceso peonil ao aparcadoiro. Posteriormente quedarían por executar as distintas instalacións

Pola súa banda, as obras da terminal de autobuses, que dependen dos avances no aparcadoiro ao ir disposta sobre el, teñen un grao de execución do 20%. A cimentación está xa rematada e estanse levantado os piares das dársenas, o núcleo de ascensor e de escaleiras, e o vial de acceso ás dársenas. A continuación iniciarase a instalación da estrutura metálica do edificio de viaxeiros.

Para o conselleiro, a dotación dunha estación intermodal a Lugo debe ir acompañada duns servizos ferroviarios que dean resposta ás necesidades da cidadanía e apuntou que esta cidade “non pode perder o tren da alta velocidade”. Nesta liña, incidiu na urxencia de que o Goberno central execute as variantes precisas. Ademais, desde xuño, coas modificacións dos horarios de Renfe nas conexións entre Galicia e Madrid, no caso desta cidade empeoraron os servizos ao aumentar tempos de viaxe e non incorporar trens madrugadores. Isto súmase a que os trens que precisan vía electrificada teñen que facer transbordo en Ourense ata rematar as obras Ourense-Lugo.

Programa de mellora nas paradas de autobús

Previamente á visita á estación intermodal e tamén no marco da Semana Europea da Mobilidade, o conselleiro comprobou as actuacións que se están a desenvolver en Lugo a través do programa de mellora da accesibilidade e conectividade das paradas de autobús da rede de estradas autonómicas de Galicia. A medida, cofinanciada con fondos europeos Next Generation e Feder 2021-2027, está dotada con 35,5 millóns de euros e permitirá mellorar máis dun milleiro de puntos en toda Galicia.

Concretamente, Diego Calvo achegouse a Carqueixo, unha das 29 paradas nas que se actuou, todas elas situadas nas rutas de acceso ao norte da cidade. No conxunto da provincia actuouse en 49 puntos cun investimento superior aos 2 millóns de euros. Melloráronse a accesibilidade peonil, os apeadeiros de autobuses, a sinalización e os servizos, ademais de instalar novas marquesiñas.

Outras medidas

Así mesmo, o conselleiro referiuse a outras medidas impulsadas pola Xunta a prol da mobilidade e o uso do transporte público, como as axudas a empresas e profesionais do sector para renovación de frotas de transportes de viaxeiros e de mercadorías e, no caso do taxi, para a compra de vehículos, o pago de seguros ou a contratación dunha 2ª persoa condutora.

Pola súa banda, as persoas usuarios do transporte público de competencia autonómica benefícianse de descontos cofinanciados polo Goberno Central e de vantaxes a través da Tarxeta de Mobilidade de Galicia, e das tarxetas Xente Nova e +65. Estas últimas permítenlles a menores de 21 anos e a maiores de 65 realizar 60 viaxes de balde ao mes.

A estas súmanse o impulso a infraestruturas, como as visitadas hoxe, os aparcadoiros disuasorios ou as sendas peonís e ciclistas.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2025