O Centro de Protonterapia de Galicia supera a verificación da compañía que instalará o primeiro acelerador de protóns contra o cancro da sanidade pública española
Expertos en construción da compañía líder tecnoloxía de terapia de protóns comproban que os dous búnkeres construídos ao carón do Hospital Clínico de Santiago reúnen os requisitos técnicos para acoller o equipamento
O proxecto do Goberno galego é o máis avanzado do sistema nacional de saúde
A previsión é recibir no último trimestre deste ano o ciclotrón para traballar na súa posta en marcha e tratar aos primeiros pacientes a finais de 2026
O Centro de Protonterapia de Galicia tratará 250 pacientes ao ano, tamén de Asturias, Castela e León e o norte de Portugal
Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2025
O Centro de Protonterapia de Galicia, no que a Xunta está a investir case 20 millóns de euros, superou esta semana a visita de verificación de catro expertos en construción e instalación de Ion Beam Applications (IBA), a compañía líder en tecnoloxía de terapia de protóns que instalará en Santiago de Compostela o primeiro ciclotrón da sanidade pública española.
Estes especialistas comprobaron os dous búnkeres xa construídos e valoraron que as instalacións do edificio, situado ao carón do Hospital Clínico de Santiago de Compostela, reúnen todos os requisitos técnicos para albergar os seus equipamentos.
Co seu visto bo, traballarán nove profesionais da compañía que xa están instalados en Galicia e que formarán parte do cadro técnico responsable da instalación do acelerador de protóns ProteusOne no Centro de Protonterapia de Galicia durante o próximo ano. Desta forma, levarán a cabo a fase de instalación e posta en marcha do ciclotrón que se agarda que comece a funcionar tratando pacientes no terceiro trimestre de 2026.
Os profesionais de IBA confirmaron que o acelerador ProteusOne xa está listo na sede da compañía en Bélxica e que os primeiros colectores con material para a fase de instalación chegarán a Santiago nos próximos meses.
Polo tanto, Galicia segue a ser a comunidade autónoma que máis avanzado ten o seu centro de protonterapia e o ano que vén poderá ser a primeira en tratar con esta terapia a pacientes de cancro na sanidade pública.
Agárdase poder atender 250 persoas cada ano, tanto pacientes galegos como tamén de Asturias, Castela e León e do norte de Portugal.
O financiamento do Goberno galego na execución das obras do edificio de protonterapia compleméntase co equipamento aportado pola Fundación Amancio Ortega, acadando un investimento de 45,5 millóns.
Esta infraestrutura está cofinanciada pola Unión Europea a través do Programa Galicia Feder 2021-2027.