Xunta de Galicia, Rede CRUSOE e NTT DATA impulsan a cátedra interinstitucional en novas tecnoloxías para a dixitalización
Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, firmou hoxe un convenio de colaboración para renovar coa Rede CRUSOE (Conferencia de Reitores das Universidades do Sudoeste Europeo) e a multinacional xaponesa NTT DATA a Cátedra Interinstitucional en Novas Tecnoloxías para a Dixitalización. Con este acordo búscase maior alcance e un enfoque internacional, impulsando o ICT Lab, un centro de apoio á innovación tecnolóxica que permitirá desenvolver proxectos de dixitalización emblemáticos cun impacto positivo no desenvolvemento económico.
Ademais do representante da Xunta, que estivo acompañado polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, participaron na firma do convenio o presidente executivo da Secretaría Xeral Técnica de CRUSOE, Salustiano Mato, e o responsable global de sector público de NTT DATA, Óscar Abril. “É un paso cara o futuro, e desde a Xunta poñemos todos os nosos medios a disposición desta colaboración”, sinalou Román Rodríguez.