A Xunta convoca a V edición do concurso ‘Ciberseguridade no cole’ para sensibilizar aos escolares sobre o uso seguro da tecnoloxía
Está dirixido a alumnado de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º da e os centros educativos interesados en participar poden inscribirse ata o 6 de outubro
A final do concurso, o 7 de novembro, terá lugar durante a celebración do Encontro Galego de Ciberseguridade, na Cidade da Cultura
Máis de 6.700 escolares de máis de 120 centros participaron na última edición do certame
Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2025
O concurso “Ciberseguridade no cole” celebra este ano a súa quinta edición co obxectivo de concienciar, dunha forma lúdica, aos máis pequenos sobre o uso seguro da tecnoloxía. A actividade, enmarcada na celebración do V Encontro Galego de Ciberseguridade, CIBER.gal, está dirixida a alumnado de 4º e 5º de Primaria e 1º e 2º da ESO dos centros educativos de Galicia.
O prazo de inscrición ao concurso, que está organizado por Telefónica, permanecerá aberto ata o día 6 de outubro neste enlace, onde tamén se poden consultar as súas características e bases. Ao igual que anteriores edicións, o certame contará cunha fase en liña ata o 15 de outubro, na que se decidirán os grupos que participarán na final, que terá lugar nun acto que se celebrará o 7 de novembro da Cidade da Cultura de Galicia.
A final desenvolverase no marco do V Encontro CIBER.gal, que os días 5, 6 e 7 de novembro reunirá en Santiago de Compostela a destacados especialistas e profesionais de seguridade da información. CIBER.gal está consolidada como unha das citas de referencia para a ciberseguridade en España grazas ao esforzo das entidades que integran o Nodo Galego de Ciberseguridade CIBER.gal, liderado pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia.
A participación no Concurso Ciberseguridade no cole experimentou un crecemento constante desde a súa posta en marcha. Na última edición, o certame reuniu a máis de 6.700 rapaces e rapazas de entre 10 e 14 anos, procedentes de máis de 120 centros educativos, o que reflicte o crecente interese da comunidade escolar pola ciberseguridade e o uso responsable das tecnoloxías.