A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático e a delegada territorial da Xunta visitaron hoxe a illa para supervisar algunhas das últimas obras acometidas
A Xunta e a Autoridade Portuaria de Vigo colaborarán para garantir que se poida visitar o edificio anexo ao faro de Cíes
Ángeles Vázquez explica que o porto asumirá o custo e execución dos labores de restauración na zona e o Goberno galego encargarase da xestión das futuras visitas, mediante a implantación dun sistema de acceso con código QR e previa reserva
Ademais de substituír a cúpula do faro, o proxecto inclúe a rehabilitación interior e exterior do anexo co fin de convertelo no primeiro museo deste tipo de España
Salienta que a posibilidade de acceder a esta instalación será un novo aliciente para coñecer o arquipélago vigués, que este verán recibiu máis de 281.000 visitantes
Vigo, 19 de setembro de 2025
A Xunta e a Autoridade Portuaria de Vigo traballarán da man para acondicionar o faro de Cíes e as instalacións localizadas na súa contorna para convertelos nun novo punto de interese que visitar na illa. Deste xeito e grazas ás obras de rehabilitación programadas, o obxectivo é poder habilitar un futuro museo no edificio anexo á torre principal.
Así o anunciaron a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o presidente do organismo portuario, Carlos Botana, que precisamente estiveron esta mañá en Cíes para coñecer en detalle o proxecto de recuperación do complexo do faro e supervisar as últimas actuacións acometidas por ambas administracións na illa.
Cun orzamento de 435.000 euros, os labores de restauración na zona do fanal correrán a cargo da Autoridade Portuaria de Vigo e incluirán, como actuacións principais, a substitución da cúpula, actualmente deteriorada como consecuencia da acción do mar durante décadas, e a rehabilitación exterior e interior do edificio anexo á torre principal, para dotalo dunha nova cuberta, ao tempo que se mellorará a súa envolvente e carpinterías así como outras instalacións básicas.
O obxectivo desta última actuación é chegar a converter a edificación en museo, o primeiro deste tipo en España. Neste sentido, a colaboración entre a Xunta e o porto vigués será clave para poder abrilo ao público, xa que sería o persoal do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia —adscrito á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático— o que asumiría a xestión das visitas.
De feito, a solución que propón o departamento autonómico para garantir que se poida visitar de forma práctica e eficiente é implantar un sistema electrónico de control de acceso mediante código QR e con reserva previa que permitirá ás persoas interesadas entrar no edificio e gozar do espazo libremente.
Esta modalidade de acceso xa se utiliza desde hai tempo en moitos museos de Castela e León localizados en municipios illados e con pouca poboación, polo que se axusta ás necesidades que suporá á apertura ao público do faro unha vez se completen os traballos de renovación e ofrece unha alternativa tecnolóxica á atención persoal permanente que, neste caso, non sería unha opción viable.
Afluencia de maio a setembro
Acompañada pola delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, a conselleira celebrou a iniciativa da Autoridade Portuaria de impulsar a recuperación do fanal de Cíes e do edificio anexo xa que se amosou convencida de que ofrecer aos visitantes a posibilidade de explorar esta construción converterase nun novo atractivo para achegarse ao arquipélago.
Ao respecto, Ángeles Vázquez aproveitou para facer balance da tempada estival no Parque Nacional, que recibiu máis de 434.000 visitas no período comprendido entre o 15 de maio e o 15 de setembro.
No caso concreto de Cíes, o arquipélago vigués segue demostrando o seu tirón e concentrou case o 65% dos visitantes que se contabilizaron no conxunto deste espazo protexido durante os últimos catro meses. En concreto, 281.275 persoas visitaron as Cíes neste período, un dato similar á afluencia media rexistrada nos últimos anos por estas datas, que sempre rolda os 300.000 visitantes.