O conselleiro de Sanidade, xunto coa secretaria xeral técnica e a directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue, interveu na entrega dos premios do X Concurso universitario de curtametraxes relacionado coa doazón e o transplante de medula ósea
Gómez Caamaño destaca os preto de 16.000 galegos inscritos no Rexistro Español de Doadores de Medula Ósea con máis de 1.800 novos voluntarios desde 2024
O conselleiro destaca que desde o ano 2020 a xenerosidade da cidadanía galega supuxo que 57 persoas completaran o camiño da doazón de medula
Subliña que desde o 2008, no que comezaron a realizarse os transplantes de proxenitores non emparentados na comunidade galega, se levan feitos 575
Con motivo da conmemoración, mañá, do Día Mundial do Doador de Medula Ósea, o conselleiro de Sanidade e a presidenta de Asotrame asinaron un convenio para o coñecemento do proceso de doazón de medula ósea na sociedade
Pon en valor os traballos do concurso de curtametraxes destinado ao fomento da sensibilización social e á creatividade da mocidade a través da linguaxe audiovisual
A Xunta súmase á celebración desta xornada internacional reforzando e trasladando á cidadanía a mensaxe de que doar medula é un proceso sinxelo, seguro e profundamente solidario que salva vidas
Santiago de Compostela, 19 de setembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, destacou hoxe os preto de 16.000 galegas e galegos inscritos no Rexistro Español de Doadores de Medula Ósea, con máis de 1.800 novas persoas dispostas a axudar e a doar a súa medula desde o pasado ano.
O titular da carteira sanitaria, acompañado da secretaria xeral técnica do seu departamento, Natalia Lobato, e da directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López, interveu no acto de entrega dos premios do X Concurso universitario de curtametraxes relacionado coa doazón e o transplante de medula ósea.
O conselleiro referiu que, desde 2020, a xenerosidade da cidadanía galega supuxo que 57 persoas completaran o camiño da doazón de medula.
No pasado ano, 213 persoas recibiron un transplante de medula ósea, grazas á xenerosidade dos doantes. Entre estas intervencións, 29 procederon de persoas non emparentadas, 24 de doantes familiares compatibles e 160 foron autólogos (emprego das propias células do paciente).
Así, o conselleiro dixo que, desde 2008, en que comezaron a realizarse os transplantes de proxenitores non emparentados na comunidade galega,lévanse feitos 575.
Todos estes datos reflicten -incidiu Gómez Caamaño- a boa acollida que está a experimentar o programa de captación de doadores de medula ósea que a Xunta está a impulsar a través da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue.
Convenio de colaboración
No acto de hoxe, e con motivo da conmemoración mañá do Día Mundial do Doador de Medula Ósea, o conselleiro de Sanidade e a presidenta da Asociación galega de persoas transplantadas de medula ósea e enfermidades oncohematolóxicas (Asotrame), Cristina Piñeiro, asinaron un convenio de colaboración para fomentar actividades que promovan a necesidade de coñecer e actualizar o proceso de doazón de medula ósea na sociedade, facilitando unha maior posibilidade de transplante para os pacientes.
O conselleiro destacou que o convenio asinado, ademais de xestionar o apoio a pacientes con cancro hematolóxico e familiares, tamén impulsa accións de voluntariado nos hospitais coa vontade de mellorar a estadía de pacientes e acompañantes.
Certificación Europea
A Axencia Galega de Doazón continúa a poñer en marcha as medidas correspondentes ao desenvolvemento da terceira fase do Plan Nacional de Medula Ósea, dentro da Estratexia Nacional de Transplante de Proxenitores Hematopoéticos para os anos 2020-2025. Un dos aspectos máis salientables da estratexia, e no que a Axencia galega está a traballar intensamente, é o programa de accións encamiñadas a mellorar o coñecemento da actividade de transplante de proxenitores hematopoéticos.
Neste liña, a Unidade de Bioloxía Molecular e Histocompatibillidade de Axencia galega dispón dunha certificación da European Federation for Immunogenetics, e conta na actualidade coa tecnoloxía máis avanzada, o que reflicte o esforzo e compromiso da sanidade pública galega a prol deste xeito de doazón.
Concurso curtametraxes
Como acto previo á celebración deste Día Mundial, o conselleiro participou na entrega de premios do X Concurso universitario de curtametraxes relacionado coa doazón e o transplante de medula ósea, organizado pola Consellería de Sanidade en colaboración coa de Educación, e destinado ao fomento da sensibilización social e á creatividade da mocidade a través da linguaxe audiovisual.
O primeiro premio recaeu en Alejandro Añón Blanco, da Facultade de Ciencias da Comunicación da Coruña (UDC), co traballo que leva por título “Un agasallo sen lazo”. O segundo premio foi para “O teu xesto, a súa vida”, de Javier Bouzas Arufe, da Facultade de Administración e Dirección de Empresas (USC).
Os traballos gañadores estrearanse nos próximos días nas redes sociais da ADOS, así como na web (ados.sergas.gal).
Coa posta en marcha destas actividades e a conmemoración do Día Mundial do Doante de Medula Ósea, a Xunta súmase á celebración desta xornada internacional reforzando e trasladando á cidadanía a mensaxe de que doar medula é un proceso sinxelo, seguro e profundamente solidario que salva vidas.
Cada novo doante que se rexistra aumenta as posibilidades de atopar compatibilidade e ofrecer unha segunda oportunidade a quen máis o precisa.