Un total de 34 centros de FP contan con viveiros de empresas para apoiar proxectos do seu alumnado
A directora xeral de Formación Profesional visita os espazos do Centro Integrado de FP Audiovisual de Vigo que favorecen a inserción laboral da mocidade
Vigo, 19 de setembro de 2025
A directora xeral de Formación Profesional, Eugenia Pérez, visitou hoxe un dos 34 centros de FP de Galicia que conta cun viveiro de empresas do Centro Integrado de FP Audiovisual de Vigo, onde puxo en valor a importancia destes espazos como oportunidade de futuro para o alumnado, motor de emprego xuvenil e elemento clave no desenvolvemento económico da cidade e do conxunto da Comunidade.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP destacou que estes viveiros teñen como obxectivo acompañar aos estudantes e titulados recentes que queiran poñer en marcha proxectos propios, ofrecéndolles espazos físicos de traballo, recursos técnicos e asesoramento especializado. “A Rede de viveiros de FP é unha ferramenta estratéxica da Xunta para fomentar a cultura emprendedora, apoiar á mocidade con talento e contribuír á creación de novas empresas que fortalezcan o tecido produtivo galego”, afirmou.
A directora xeral explicou que estes espazos ofrecen orientación gratuíta en todas as fases da creación dunha empresa, desde a idea inicial ata a súa consolidación, e poñen ao alumnado en contacto con outros emprendedores e profesionais para favorecer o intercambio de experiencias. Ademais, complementan a súa formación con accións específicas en ámbitos como a xestión empresarial, o financiamento, o márketing ou a dixitalización.
Viveiros por provincia
Na actualidade, Galicia conta con 34 viveiros de empresa en centros de FP, distribuídos da seguinte maneira: 14 na provincia da Coruña, 12 en Pontevedra, cinco en Ourense e tres en Lugo. Entre eles, a cidade de Vigo ocupa un lugar destacado, con catro centros que dispoñen deste recurso: o CIFP Audiovisual, o CIFP Manuel Antonio, o CIFP Valentín Paz Andrade e o IES Ricardo Mella.
Eugenia Pérez tamén destacou que o éxito destes viveiros “demostra que a Formación Profesional non só prepara ao alumnado para incorporarse ao mercado laboral, senón tamén para crear as súas propias oportunidades, liderar proxectos innovadores e contribuír ao desenvolvemento económico e social de Galicia”.
Viveiros de empresa do CIFP Audiovisual
Na visita ao Centro Integrado FP Audiovisual de Vigo, a directora xeral tivo ocasión de coñecer os catro proxectos de emprendemento audiovisual que se están a desenvolver neste viveiro. O primeiro, Nena do Demo, está integrado por catro membros e céntrase na produción, realización e edición de vídeos promocionais dirixidos a empresas organizadoras de eventos. O segundo, Luar-t Teatro Títeres, constitúe unha cooperativa de seis persoas dedicada á creación, difusión e promoción de espectáculos teatrais e audiovisuais de monicreques, con especial atención ao público infantil. O terceiro, Onda Mar, formado por dúas persoas, especialízase en publicidade audiovisual para marcas e eventos, elaborando contidos específicos para redes sociais e televisión. Finalmente, Queimarte Films, unha das incorporacións máis recentes ao viveiro, dedica a súa actividade á produción de curtametraxes de ficción, videoclips, eventos e fotografía.
Cómpre destacar que os tres primeiros equipos tiveron a oportunidade de presentar con éxito as súas propostas no Congreso de Innovación 2025, celebrado o pasado mes de marzo, o que pon de manifesto a calidade, creatividade e potencial emprendedor das iniciativas xurdidas ao abeiro destes espazos.