A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, concluíu a súa viaxe a Xapón cunha visita á Oficina Comercial de España no país e a Antena do Igape
A Xunta reafirma en Xapón o seu obxectivo de facer de Galicia un polo de atracción de investimento industrial
“Todo proxecto con interese por instalarse en Galicia vai atopar ao outro lado unha Administración coa man tendida e disposta a ofrecer solucións e garantías”, apunta
Tokio (Xapón), 20 de setembro de 2025
A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, concluíu hoxe a súa viaxe a Xapón cunha visita á Oficina Comercial de España no país, onde ratificou o obxectivo da Xunta de facer de Galicia un polo de atracción de investimento industrial.
Nunha xuntanza co Conselleiro Económico e Comercial Xefe, Gonzalo Ramos, Lorenzana abordou a política económica e industrial que está a desenvolver Galicia, baseada, fundamentalmente, na desburocratización para atraer investimentos en áreas clave como as enerxías renovables.
Ao respecto puxo en valor a función da Oficina Económica de Galicia como un órgano interlocutor do Goberno galego coas empresas, tamén do eido internacional, encargado de seguir de cerca as necesidades do tecido empresarial e de prestar un servizo de asesoramento personalizado e integral.
Nese sentido, apuntou que “todo proxecto con interese por instalarse en Galicia vai atopar ao outro lado unha Administración coa man tendida e disposta a ofrecer solucións e garantías”, unha das premisas que quixo poñer de manifesto en cada unha das xuntanzas que mantivo durante a súa estadía en Xapón.
Finalmente, Lorenzana non quixo marchar de Xapón sen coñecer a Antena do Igape no país nipón, onde aproveitou para felicitar ao persoal polo bo traballo que están a realizar apoiando as iniciativas de internacionalización das empresas galegas.