A Xunta anima ás pemes a optar a convocatoria Nexos, con 28 M€ para proxectos de I+D+i colaborativos

A directora da Axencia Galega de Innovación visita a empresa innovadora Kemegal Químicos para recordar que esta liña de axudas estará aberta ata o luns

Vilagarcía de Arousa (Pontevedra), 19 de agosto de 2025

A directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, lembrou hoxe durante a súa visita a empresa Kemegal Químicos, en Vilagarcía de Arousa, que segue aberta ata este luns a convocatoria Nexos para financiar proxectos de I+D+i en colaboración entre empresas e centros de coñecemento. Trátase da liña de axudas da Xunta con maior dotación para apoiar proxectos destas características, 28 millóns de euros cofinanciados pola Unión Europea no marco do programa Galicia Feder 2021-2027, cos que se prevén apoiar ao redor de 50 proxectos e 200 beneficiarios e mobilizar preto de 47 M€.

Neste sentido, a representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional subliñou a oportunidade que supón Nexos para o tecido produtivo galego e puxo de exemplo á peme innovadora Kemegal Químicos, que conta con experiencia na participación en proxectos deste tipo. En concreto, participou nun consorcio de empresas, beneficiario dunha axuda do programa para a realización do proxecto CONECUN. Xunto a outras empresas como Coellos Cogal, Noresga ou Pumar Instalaciones, deseñaron solucións tecnolóxicas para a detección, prevención e control de distintas patoloxías dixestivas na produción de coellos.

O obxectivo de Nexos é fomentar a cooperación e impulsar así a competitividade do tecido produtivo galego a través de proxectos de I+D+i. Entre as principais novidades destaca a priorización dun número reducido de ámbitos temáticos e a incorporación de custos simplificados na xustificación das axudas. Poden solicitala agrupacións de entre tres e seis empresas que realicen proxectos de investigación industrial, desenvolvemento experimental ou innovación organizativa ou en materia de procesos.

Activa I+G+i

Esta liña de axudas enmárcase no programa Activa I+G+i de apoio á colaboración entre empresas e á transferencia efectiva de resultados, ao que a Xunta destina preto de 53 M€ a través de catro grandes convocatorias: Nexos (28 M€), Unidades Mixtas de Investigación (12 M€), Fortalecemento de centros tecnolóxicos (9,75 M€) e Recuperación da excelencia Neotec (3 M€). Con este investimento, o Goberno galego agarda unha mobilización público-privada de máis de 100 M€.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 19/09/2025