Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 09.00 h. de hoxe
Deuse por extinguido o incendio da Fonsagrada-O Trobo, que afectou finalmente unha superficie de 40 hectáreas, das cales aproximadamente unha metade corresponde a monte raso e a outra a arborado
Segue activo o incendio de Pantón-Pombeiro (2.000 ha), onde está decretada a Situación 2 de maneira preventiva
Permanecen controlados os incendios de Lobios-Río Caldo (3,5 ha), que afecta o Parque Natural da Baixa Limia Serra do Xurés, e de Barreiros-San Xusto de Cabarcos (140 ha)
Santiago de Compostela, 22 de agosto de 2025
A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 09.00 horas de hoxe luns. A principal novidade arestora é que o lume rexistrado no concello lucense da Fonsagrada, parroquia do Trobo, deuse por extinguido esta mañá.
LUGO
ACTIVOS
Activo Pantón-Pombeiro. Activada Situación 2
Ás 14.16 horas do pasado xoves, día 18, iniciouse o incendio forestal do concello de Pantón, parroquia de Pombeiro, que continúa activo e no que se mantén activada a Situación 2 de forma preventiva. Segundo as últimas medicións tomadas dende o terreo, afecta unha superficie de arredor de 2.000 hectáreas, parte delas no concello de Sober. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 21 técnicos, 143 axentes, 157 brigadas, 113 motobombas, 9 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 15 helicópteros e 12 avións. Neste lume colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).
CONTROLADOS
Controlado Barreiros-San Xusto de Cabarcos
Continúa controlado, desde o pasado martes 16 ás 21.59 horas, o incendio forestal rexistrado no concello de Barreiros, parroquia de San Xusto de Cabarcos, iniciado o domingo 14 ás 16.14 horas. Segundo as últimas estimacións, afecta unha superficie de 140 hectáreas de monte arborado. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 10 técnicos, 87 axentes, 121 brigadas, 94 motobombas, 4 pas, 2 unidades técnicas de apoio, 7 helicópteros e 3 avións.
EXTINGUIDOS
Extinguido A Fonsagrada-O Trobo
Ás 08.16 horas de hoxe deuse por extinguido o incendio iniciado ás 02.25 horas do sábado no concello da Fonsagrada, parroquia do Trobo, e que afectou finalmente unha superficie de 40 hectáreas, das cales aproximadamente unha metade corresponde a monte raso e a outra a arborado. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 14 axentes, 24 brigadas, 15 motobombas, 1 pa e 3 helicópteros.
OURENSE
CONTROLADOS
Controlado Lobios-Río Caldo
Ás 19.59 horas de onte domingo quedou controlado o lume iniciado ás 05.09 horas dese mesmo día no concello de Lobios, parroquia de Río Caldo, que se rexistrou en dous puntos. Segundo as últimas estimacións, afecta arredor de 3,5 hectáreas, parte delas dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés. Para a súa extinción mobilizáronse 14 axentes, 24 brigadas, 10 motobombas, 3 helicópteros e 2 avións. Neste incendio tamén se contou coa colaboración de medios portugueses.
A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.