A Xunta colabora con Traxandaina na novena edición das xornadas Cultura e Tradición no Camiño

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e a presidenta da entidade, Teresa Astorgano, presentaron hoxe o evento, que se celebrará do 5 ao 11 de outubro

Lugo, 22 de setembro de 2025

A Xunta de Galicia colabora co Grupo Etnográfico Traxandaina na organización da novena edición das xornadas Cultura e Tradición no Camiño, que se celebrarán do 5 ao 11 de outubro en Lugo. O delegado territorial, Javier Arias, e a presidenta da entidade, Teresa Astorgano, presentaron hoxe a programación.

As xornadas terán lugar na Oficina de Turismo e o Centro de Interpretación do Camiño da Xunta na cidade, situados na rúa Miño, no barrio lucense da Tinería, en horario de 10:30 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas; entre outras actividades, ofrecen obradoiros artesanais, música e unha exposición de corozas, colchas e vestimenta tradicional.

O goberno galego tamén colabora a través de Artesanía de Galicia, que patrocina varios dos obradoiros artesanais. As persoas interesadas poderán participar en talleres de cestería, tapices, cabazas, orfebrería, zoquería, textís, torno, alfarería ou cerámica. É preciso inscribirse a través do enderezo electrónico traxandaina@gmail.com ou do número de teléfono 619 744 325.

O programa ábrese o domingo día 5 cun obradoiro de cestería e o primeiro “Filandoiro San Froilán”, no que participarán o director do Museo Catedralicio de Lugo, Marcos Calles; o catedrático de Arqueoloxía e presidente de Vía Künig, Javier Gómez, o historiador Adolfo de Abel Vilela, o escritor Ricardo Polín e a asociación Promonumenta de León.

A proposta inclúe un apartado musical, de martes a venres a partir das 19:30 e o sábado tamén ás 18:15 no exterior da Oficina de Turismo; haberá concertos de cantos de cego, un concerto didáctico sobre a muller e a tradición oral, a actuación de Fransy & Davide Salvado e, na clausura, a as pandeiretas da asociación San Telmo de Tui.

Completan o cartel outras iniciativas como unha demostración de máscaras de entroido, unha mostra de fiado a man ou un achegamento ao proceso do liño. En total, participan no evento preto dunha vintena de artesáns e asociacións culturais.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2025