O delegado territorial visita en Mondariz un dos 19 establecementos adheridos á 19º edición do Outono Gastronómico na provincia de Pontevedra

A campaña estará en marcha ata o día 21 de decembro

Turismo de Galicia contribúe á promoción e desestacionalización do sector turístico coa contratación de 10 influencers e a edición de 9.900 guías

Dende a súa creación, o Outono Gastronómico mobilizou preto de 6,6 millóns de euros e 100.000 clientes 

Mondariz (Pontevedra), 22 de setembro de 2025

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, visitou esta mañá a casa de turismo rural A Cantaruxa Maruxa, no concello de Mondariz. 

O delegado realizou a visita con motivo da nova edición do Outono Gastronómico, a iniciativa da Xunta que este ano celebra a súa 19º edición e que ten demostrado ser unha excelente ferramenta para a desestacionalización e descentralización do turismo.

Así, esta campaña consiste na promoción e unificación dos servizos que ofrecen ata 78 aloxamentos rurais por toda Galicia, 19 na provincia de Pontevedra, e que ata o día 21 de decembro disponibilizarán varios plans pensados para dar resposta ás necesidades e posibilidades de todos os tipos de visitantes. 

Neste sentido, Reguera destacou o éxito das edicións anteriores coas que se conseguiu “xerar no sector máis de 6,6 millóns de euros, mobilizando a máis de 100.000 clientes”.

Os plans da campaña inclúen un menú Outono gastronómico, sen aloxamento; un paquete Outono gastronómico, para estadías dunha noite; e unha fin de Semana Outono gastronómico con dúas noites e coa variante de Fin de Semana Familiar Outono gastronómico con estancias de dúas noites de un ou dous adultos con un ou dous nenos. 

Ademais, un total de 26 establecementos ofertan o Outono Plus, cun programa de actividades complementarias como paseos a cabalo, descenso en kayak, sendeirismo, visitas a adegas con degustación. Todas estas propostas serán a prezos competitivos.

Cabe destacar que Turismo de Galicia desenvolve tamén unha intensa promoción deste programa coa participación de 10 influencers que contribúen a difundir nas redes sociais as características deste programa. Ademais, tamén se levan a cabo concursos as propias redes sociais de Turismo de Galicia e edítanse 9.900 guías en castelán e galego que se distribúen nos establecementos participantes e nas oficinas de turismo e outros espazos públicos.

A campaña complétase cunha promoción en buses urbanos e metropolitanos de varias cidades e tamén con segways que  percorreron este mes de setembro as sete principais cidades. A guía do programa Outono Gastronómico tamén se pode consultar en https://www.turismo.gal/inicio.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 22/09/2025