A Xunta prepara a quinta edición do programa Responsabilízate tras beneficiar preto de 700 empresas con esta iniciativa pioneira en España

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais participou hoxe en Vigo na inauguración da ‘Xornada Corresponsables 2025’ en Galicia, onde destacou este programa que avoga pola sustentabilidade en pemes e microempresas

Salientando que mediante o proxecto se presta asesoramento personalizado e gratuíto, Pablo Fernández celebrou que se estea a expandir o Selo Responsabilízate para consolidar a responsabilidade ambiental, social e de gobernanza na Comunidade

Vigo, 23 de setembro de 2025

O secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández, participou hoxe en Vigo na inauguración da Xornada Corresponsables 2025 en Galicia, onde destacou que a Xunta está a preparar a quinta edición do programa Responsabilízate, que reforzará a súa aposta polo benestar laboral. Na súa intervención, Fernández fixo fincapé en que xa se teñen beneficiado case 700 empresas desta iniciativa pioneira en España de asesoramento personalizado e gratuíto a prol da sustentabilidade, pertencentes a eidos laborais como a construción, a asesoría, os sectores primarios, as TIC ou o turismo.

Deste xeito, o programa Responsabilízate impulsado polo Goberno galego estase a caracterizar ano a ano por prestar un acompañamento integral a pemes e microempresas. En concreto, tras unha fase inicial de avaliación, formación e asesoramento personalizados, acádase unha segunda etapa de deseño de plans de acción para avanzar cara a modelos de negocio sostibles e de implantación de medidas ambientais, sociais e de gobernanza (ASG). Así, o secretario xeral sinalou que entre estas medidas poden atoparse plans de descarbonización ou políticas ambientais, plans de igualdade e diversidade, políticas de conciliación e de desconexión dixital ou memorias de sustentabilidade e códigos éticos.

Selo Responsabilízate

Pablo Fernández salientou a implantación a raíz do programa do Selo Responsabilízate, que contribúe a consolidar unha comunidade empresarial que aposta pola responsabilidade social, pola gobernanza e pola sustentabilidade. Apuntou que por ese camiño seguirá o Goberno autonómico, avogando pola transformación sostible das pemes galegas e por garantir que as empresas se adapten a un mercado en continua evolución, fortalecendo así a súa competitividade a longo prazo.

No marco deste enfoque global de apoio á responsabilidade empresarial, a Xunta está a aplicar a Estratexia Galega de Responsabilidade Social Empresarial 2023-2025. Ao abeiro do Plan Estratéxico de Galicia 2022-2030, búscase promover así que as empresas medren atendendo de forma equilibrada ás variables económicas, ambientais, sociais e de bo goberno.

Outros apoios do Goberno galego neste ámbito son os destinados a pemes e persoas traballadoras autónomas con persoal contratado para a implantación de medidas de igualdade laboral, conciliación e de Responsabilidade Social Empresarial (RSE).

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/09/2025