Medio Rural colabora con oito GDRs galegos no impulso do proxecto comedores responsables KM0
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participou hoxe na presentación desta iniciativa que busca fortalecer a produción alimentaria do territorio, potenciando o consumo de base local en comedores de colectividades
O GDR Terras de Compostela coordinará o proxecto que tamén se levará a cabo nas áreas de influencia doutros sete para chegar ata case 90 concellos
Vedra (A Coruña), 23 de setembro de 2025
A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, asistiu hoxe á presentación do proxecto de cooperación Leader chamado Comedores Responsables KM0. Neste proxecto, colabora a Consellería do Medio Rural e oito Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) galegos, dos que o GDR Terras de Compostela é o coordinador. O proxecto busca fortalecer a produción alimentaria do territorio, potenciando o consumo de base local en comedores de colectividades do ámbito educativo ou da terceira idade, entre outros.
Polo tanto, con esta proposta búscase abastecer aos comedores con produtos km0 dentro das áreas participantes. Deste xeito, favorécese o desenvolvemento do tecido produtivo de cada territorio ao mesmo tempo que se contribúe á profesionalización dos agricultores locais. A maiores, entre os seus obxectivos tamén se atopa o de fortalecer as canles curtas de abastecemento, a posta en valor da produción local e as empresas das contornas onde se actuará, así como establecer lazos de cooperación entre os distintos territorios.
Dentro deste programa, ademais do GDR Terras de Compostela, tamén participan os GDR Comarca de Lugo, Miño-Ulla, Sil-Bibei-Návea, Adercou, Pontevedra Norte, Comarca de Ordes e Costa da Morte. Así, o proxecto levarase a cabo en case 90 concellos galegos que se atopan dentro destes GDR.
Entre os resultados que se esperan acadar están o de implantar o proxecto Comedores Responsables KM0 en todas as zonas participantes; a consolidación dunha rede de axentes formada por comedores de centros escolares e colectividades, como por exemplo as residencias de maiores ou outras entidades; a consolidación dun tecido de produtores locais que sexan provedores dos comedores de colectividades e a entrega de certificacións KM0 aos comedores que cumpran cos requisitos do programa.