O Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento de Lugo aproba unha aportación extraordinaria de case 2 M€

O director xeral de Emerxencias e Interior, acompañado do delegado territorial da Xunta en Lugo, participou hoxe na reunión do pleno  do organismo, na que se aprobou a mellora dos seis parques provinciais e a conta para facer fronte á suba salarial acordada

Lugo, 23 de setembro de 2025

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, xunto co delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participaron no pleno do Consorcio Provincial Contraincendios e Salvamento de Lugo, integrado pola Xunta e a Deputación de Lugo, que aprobou hoxe unha aportación extraordinaria de case 2 millóns de euros para mellorar os seis parques da provincia e facer fronte á suba salarial acordada no convenio dos traballadores.

Coa aprobación desta achega, o presuposto de 2025 ascende ata os 10,7 millóns de euros. Deste total, a Xunta achega o 50% e a Deputación outro tanto.

No caso dos parques de Sarria, Chantada e Vilalba, os novos fondos permitirán ampliar as instalacións para dotalas dun espazo de almacenaxe; no caso de Barreiros actuarase sobre as filtracións de auga na terraza, reformarase a cuberta e o soportal, as humidades da fachada, pintaranse as paredes e os teitos interior e acondicionaranse os baños; en Monforte rehabilitarase a cuberta e os canlóns, revestiranse as fachadas e pintaranse as instalacións por dentro e por fóra; e en Viveiro acondicionarase o chan do ximnasio. O custe conxunto destas obras superará os 700.000 euros.

Ademais, 1,19 millóns de euros estarán destinados ao cumprimento do convenio asinado a principios de ano cos traballadores, nos que se recollían entre outras melloras a incorporación de 26 efectivos, un aumento salarial anual de 6.000 euros na categoría de bombeiro, redución de 158 horas anuais ata as 1.642 horas, ou o recoñecemento como persoal laboral fixo dos traballadores con contrato indefinido no momento da subrogación do pasado 1 de maio do 2019.

A Xunta e a Deputación luguesa colaboran no funcionamento da media ducia de parques comarcais de bombeiros que dependen do Consorcio, con sedes en Monforte de Lemos, Chantada, Sarria, Barreiros, Vilalba e Viveiro. O Goberno galego mantén o seu compromiso na atención ás emerxencias en todo o territorio galego, neste caso para apoiar a actividade dos parques de bombeiros da comunidade, a través dos consorcios. Ademais, a Xunta colabora cos servizos de emerxencias dos concellos tanto no seu funcionamento como na dotación de equipamento.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 23/09/2025