A Xunta aposta pola colaboración coa Embaixada de España no Uruguai para avanzar na resposta ás necesidades da colectividade galega no país

O secretario xeral da Emigración, acompañado pola delegada da Xunta no Uruguai, reuniuse hoxe na Embaixada de España co Cónsul Xeral de España no Uruguai e co ministro conselleiro da Embaixada de España

Posteriormente Antonio Rodríguez Miranda, xunto con Elvira Domínguez, visitará o pavillón de España en Expoprado 2026 para acompañar aos representantes das empresas e entidades galegas alí presentes co fin de reforzar lazos co Uruguai

Montevideo (Uruguai), 18 de setembro de 2026

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, acompañado pola delegada da Xunta no Uruguai, Elvira Domínguez, reuniuse hoxe na Embaixada de España co Cónsul Xeral de España no Uruguai, Juan Carlos Gafo, e co ministro conselleiro da Embaixada de España, Carlos Domínguez, co fin de avanzar na colaboración entre ambas entidades para dar resposta ás necesidades da colectividade galega residente neste país. 

Durante a xuntanza, Miranda salientou a importancia de traballar conxuntamente coa Embaixada neste ámbito. Ademais, falaron da próxima homenaxe a Galicia en Montevideo no marco da celebración do Día da Hispanidade, que terá lugar no mes de outubro.

Outro dos temas abordados no encontro foi o próximo Ano Xacobeo e a súa difusión no Uruguai co fin de animar á cidadanía a visitar Galicia no 2027. Na actualidade residen no Uruguai 45.000 galegos, case o 60% do total dos cidadáns españois no país.

Apoio ás empresas galegas en Expoprado

O secretario xeral da Emigración e a delegada da Xunta no Uruguai tamén visitarán o pavillón de España na 121ª Exposición internacional de gandaría, mostra agroindustrial e comercial rural do Prado, Expoprado 2026 para acompañar aos representantes das empresas e entidades galegas de distintos sectores económicos alí presentes. Este tipo de encontros contribúen a reforzar os vínculos comerciais e culturais co Uruguai e favorecen novas oportunidades de colaboración.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 18/09/2026