Máis de 16.000 persoas están chamadas a participar esta fin de semana nas oposicións para 256 prazas de emprego público
Un operativo formado por unhas 275 persoas controlará que todos os procesos selectivos se desenvolvan de xeito correcto e con total seguridade
Coas probas deste fin de semana, remata a realización do primeiro exercicio de todos os procesos selectivos convocados no ano 2025
A Consellería de Facenda e Administración Pública porá en marcha as novas medidas de vixilancia e control nas oposicións de acceso ao emprego público que, entre outros aspectos, permitirán detectar a presenza de dispositivos electrónicos non permitidos durante a realización das probas
Santiago de Compostela, 18 de setembro de 2026
Un total de 16.278 aspirantes están chamados a participar nas oposicións que se celebrarán esta fin de semana no recinto da Feira Internacional de Silleda para acceder a 256 prazas de emprego público.
As probas comezarán mañá sábado, ás 9,00 horas da mañá, para cubrir 59 prazas do corpo superior (A1), ás que están convocadas 1.323 persoas. E, pola tarde, a partir das 15,30 horas, están chamadas a participar 1.851 aspirantes, convocados para 40 prazas do corpo de xestión (A2).
O domingo, 20 de setembro, ás 9,00 horas, 6.745 opositores presentaranse á convocatoria do corpo administrativo (C1), que conta con 74 prazas.
Pola tarde, a partir das 15,30 horas, están chamadas a participar 6.359 aspirantes convocados para 83 prazas do corpo auxiliar (C2).
Operativo de seguridade
Un operativo formado por aproximadamente 275 persoas controlará que todos os procesos selectivos se desenvolvan de xeito correcto e con total seguridade. O recinto feiral de Silleda disporá tamén dunha ambulancia, habilitada pola Administración galega para atender calquera incidencia que se puidese producir durante a realización das probas.
As persoas que concorran a estes procesos selectivos poderán consultar toda a información relativa ás probas e ás medidas de seguridade no portal corporativo https://www.xunta.gal/funcion-publica.
Cómpre destacar que en 2025 convocáronse un total de 30 procesos selectivos nos que se ofertaron un total de 1.267 prazas. E coas probas deste fin de semana, remata a realización do primeiro exercicio de todos os procesos selectivos convocados no ano 2025.
Novas medidas de vixilancia
A Consellería de Facenda e Administración Pública porá en marcha nos procesos selectivos desta fin de semana as novas medidas de vixilancia e control nas oposicións de acceso ao emprego público que, entre outros aspectos, permitirán detectar a presenza de dispositivos electrónicos non permitidos durante a realización das probas.
Estas actuacións permitirán mediante equipos pasivos de detección de radiofrecuencia, campos electromagnéticos, materiais ferromagnéticos ou outras tecnoloxías análogas de detección non intrusiva identificar a utilización de dispositivos electrónicos non permitidos.
Con este fin, realizaranse controis periódicos durante a realización dos exames, sen causar molestias ás persoas presentadas, e ás saídas dos aseos interiores. As actuacións de verificación desenvolveranse con pleno respecto á dignidade, intimidade e demais dereitos das persoas aspirantes, observando en todo momento os principios de necesidade, idoneidade e proporcionalidade.
Así mesmo, a negativa reiterada a someterse ás comprobacións requiridas ou a detección ou utilización de dispositivos ou materiais prohibidos poderá dar lugar a adopción das medias previstas nas instrucións, incluída a expulsión do exame e a anulación do exercicio.
Neste senso, as propias instrucións establecen que non estará permitida a entrada nin a permanencia nos espazos destinados a realizar as probas con teléfonos móbiles, reloxos de calquera tipo, gafas con cámara, videocámara e/ou dispositivos dixitais e/ou de intelixencia artificial ou integrable mediante conexión e as súas fundas, dispositivos con conectividade inalámbrica, auriculares, microauriculares, lentes intelixentes, cámaras, computadores portátiles, dispositivos de xeolocalización, sistemas de transmisión ou recepción de datos e calquera outros dispositivos ou elementos de características análogas que sexan susceptibles de servir como apoio ou consulta para a realización dos exercicios. Soamente se permitirá o acceso con dispositivos electrónicos a aquelas persoas aspirantes que, por razóns clínicas, teñan autorizada unha adaptación de medios ou a súa utilización, previa xustificación.
A Xunta recomenda ás persoas aspirantes acudir exclusivamente cos obxectos estritamente necesarios para a realización do exame (lapis do número 2 e goma de borrar), xa que non se habilitará ningún servizo de custodia ou depósito de dispositivos ou materiais non permitidos
A mera posesión de calquera dispositivo ou elemento prohibido no espazo destinado a realizar a proba, con independencia de que estean apagados ou sen empregar, será causa de expulsión do exame coas consecuencias previstas nas instrucións xerais publicadas.