A Xunta destaca que a reforma da Lei de Administración Local de Galicia permitirá adaptar a realidade das entidades locais aos retos actuais e futuros
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou na clausura do encontro ‘Ideagov-Local. A participación local nos ingresos das Comunidades Autónomas e a reforma da Lalga’, onde incidiu en que a reforma é froito dun traballo amplo e rigoroso previo á elaboración para escoitar todas as visións do mundo local e dun proceso de escoita e diálogo durante a tramitación con máis de 500 achegas avaliadas
Defende que no ámbito do financiamento local, a Xunta, no marco das súas competencias, busca garantir coa reforma un reparto de recursos igualitario a través da participación dos concellos nos orzamentos autonómicos tendo en conta criterios como o avellentamento da poboación ou a dispersión xeográfica
O Goberno galego esixe que estes mesmos criterios os aplique o Estado na modificación do modelo de financiamento local, xa que é a súa competencia
O conselleiro de Facenda e Administración Pública pronunciou unha conferencia no marco do encontro, na que destacou o crecemento do Fondo de Cooperación Local (FCL) un 8% desde o ano 2021
Bergondo (A Coruña), 18 de setembro de 2026
O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, destacou hoxe que a reforma da Lei de Administración Local de Galicia (Lalga) permitirá dotar as entidades locais galegas dun marco normativo adaptado á realidade actual e preparado para afrontar os retos do futuro. Así o expuxo na clausura do encontro Ideagov-Local. A participación local nos ingresos das Comunidades Autónomas e a reforma da Lalga, organizadas por Ideagov -o Centro Internacional para a Descentralización e a Gobernanza da Universidade de Santiago de Compostela- e a Deputación da Coruña. Na mesma xornada tamén participou o conselleiro de Facenda e Administración Pública, Miguel Corgos, nunha conferencia sobre a situación actual da Participación nos Ingresos das Comunidades Autónomas (PICA) e a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, nunha mesa relacionada cos aspectos financeiros da proposta de reforma da Lalga.
Durante a clausura, Diego Calvo incidiu na necesidade desta reforma, tendo en conta que a normativa actual ten case tres décadas nas que se produciron significativos cambios na sociedade galega, por exemplo desde o punto de vista da demografía, e ao mesmo tempo que avanzaron as ferramentas tecnolóxicas e a dixitalización. Por iso, considera necesario adaptar a normativa ás necesidades reais das entidades locais no século XXI.
Nesta liña, sinalou que o financiamento é un dos eixos centrais da proposta, xa que a capacidade económica das entidades locais é imprescindible para garantir a prestación dos servizos. Pese a que, como aclarou, se trata dunha competencia estatal, subliñou que a Xunta, dentro das súas competencias, fronte á inacción do Estado, mellorará o sistema de participación das entidades locais nos orzamentos autonómicos a través do Fondo de Cooperación Local (FCL). Así, preténdese garantir un reparto dos recursos máis igualitario tendo en conta criterios como o avellentamento, a dispersión xeográfica ou a situación de reto demográfico que explican a realidade galega e que a Xunta vén demandando ao ao Goberno central para que aplique na súa reforma de financiamento local.
O conselleiro de Presidencia sinalou que a Xunta prevé incrementar os fondos incondicionados, -os que os concellos poden destinar ás necesidades que decidan- e aumentar en 20 millóns de euros a garantía de mínimos para todos os municipios respecto do modelo actual. Tamén puxo en valor o firme compromiso do Goberno galego coas entidades locais cun apoio récord este ano de máis de 670 millóns de euros, case 30 millóns máis que o ano pasado.
Ademais de abordar o financiamento, detallou que a reforma da Lalga inclúe entre os seus obxectivos clarificar as competencias das entidades locais sen atribuírlles novas, reforzar o papel de asistencia das deputacións aos concellos, sobre todo os de menor poboación; fomentar a colaboración entre municipios con fórmulas xa existentes como as mancomunidades ou as fusións voluntarias de municipios e outras figuras novas como as agrupacións de persoal municipal e as áreas funcionais de carácter temporal; así como avanzar na modernización coa aplicación da intelixencia artificial.
Diego Calvo salientou que a proposta da reforma da Lalga é froito dun proceso participativo con máis de 500 achegas presentadas nas fases de audiencia e información pública. Tamén, no marco do proceso de escoita e diálogo da Xunta, mantivéronse reunións coas entidades máis representativas do mundo local que presentaron achegas ao texto, como as deputacións provinciais da Coruña, Lugo e Ourense, os Colexios Territoriais de Secretarios, Interventores e Tesoureiros da Administración Local ou a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Ademais, incidiu en que previamente a súa elaboración levouse a cabo un traballo amplo e rigoroso con distintos estudos, congresos e actividades dirixidas a recoller a visión de expertos, técnicos e representantes do eido local, académicos das tres universidades galegas, economistas e a cidadanía en xeral para abordar o texto desde o maior número de perspectivas posibles.
Galicia apoia aos seus concellos
Pola súa banda, o conselleiro de Facenda e Administración Pública destacou na conferencia que pronunciou con motivo do encontro, o crecemento do Fondo de Cooperación Local (FCL), o instrumento que establece un modelo de participación estable das entidades locais nos tributos autonómicos, un 8% desde o ano 2021.
Miguel Corgos analizou a situación actual e as perspectivas da Participación nos ingresos das CC.AA. (PICA) de Galicia e afirmou que “a nosa Comunidade, tanto en termos de financiamento por habitante como por peso en recadación tributaria”, é a 2ª que máis achega aos seus concellos.”
O responsable da Facenda galega debullou polo miúdo os números que amosan que a Participación nos ingresos do Estado (PIE) beneficia ás CC.AA. con grandes concellos, mentres financia moi por baixo da media ao resto. Isto fai que ás rexións con concellos máis pequenos teñan que achegarlles máis recursos “para acadar ou compensar un financiamento total preto da media.”
En Galicia, o Fondo de Cooperación Local beneficia de xeito principal aos concellos de menos de 10.000 habitantes e, por iso, o Goberno galego pide sempre no Consejo de Política Fiscal e Financeira (CPFF) que se revisen tanto o financiamento autonómico como o local.