Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 20.00 h. de hoxe

Está extinguido o lume de Lobios-Río Caldo que finalmente afectou 3,32 hectáreas, parte delas no Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés

Permanece estabilizado o lume de Pantón-Pombeiro (2.000 ha), onde se desactivou a Situación 2

Santiago de Compostela, 23 de setembro de 2025

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos incendios forestais rexistrados en Galicia con datos recollidos ata as 20.00 horas de hoxe martes. A principal novidade nestes momentos é a extinción do incendio do concello ourensán de Lobios, parroquia de Río Caldo, que afectou parte do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.   

LUGO

ESTABILIZADOS

Estabilizado Pantón-Pombeiro. Desactivada Situación 2

Desde as 19.16 horas de onte luns permanece estabilizado o incendio forestal do concello de Pantón, parroquia de Pombeiro, no que tamén se desactivou a Situación 2. O lume iniciouse ás 14.16 horas do pasado xoves, día 18, e segundo as últimas medicións tomadas dende o terreo, afecta unha superficie de arredor de 2.000 hectáreas, parte delas no concello de Sober. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 24 técnicos, 182 axentes, 219 brigadas, 130 motobombas, 9 pas, 6 unidades técnicas de apoio, 15 helicópteros e 12 avións. Neste lume colaboraron efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME).

OURENSE

EXTINGUIDOS

Extinguido Lobios-Río Caldo

Dende as 19.50 horas de hoxe está extinguido o incendio forestal iniciado ás 05.09 horas do domingo, día 21, no concello de Lobios, parroquia de Río Caldo, que se rexistrou en dous puntos. Este lume afectou finalmente 3,32 hectáreas, parte delas no Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, das cales 2,73 foron de superficie rasa e as 0,59 arboradas. Para a súa extinción mobilizáronse, de xeito acumulado, 22 axentes, 37 brigadas, 16 motobombas, 4 helicópteros e 2 avións. Neste incendio tamén se contou coa colaboración de medios portugueses.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais que acadan as 20 hectáreas poderá ser consultada na conta aberta de X (antigo twitter): @incendios085.

Data de actualización: 23/09/2025