A Xunta autoriza o acondicionamento dunha nave como planta de comida para mascotas en Boiro
A resolución da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático non prevé que a actuación teña impactos significativos sobre a contorna se se cumpren os condicionantes fixados no propio informe ambiental e na documentación avaliada
As obras transformarán unhas instalacións de máis de 800 m2 nunha fábrica que estará operativa no polígono empresarial de Espiñeira
Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2025
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao proxecto para o acondicionamento dunha nave existente para a preparación e envasado de comida para mascotas a partir de diferentes materias primas. O proxecto autorizado está supeditado ao cumprimento das condicións incluídas nos distintos documentos emitidos durante a tramitación ambiental.
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución do informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático. No devandito estudo, resólvese que non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental como na restante documentación analizada e no programa de vixilancia ambiental.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de once organismos interesados.
Froito desas consultas, foron establecidos algúns condicionantes que se recollen na resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade. O informe de impacto ambiental marca tamén o contido que deberá ter o programa de vixilancia e seguimento ambiental, que terá que elaborar o promotor do proxecto.
Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación á protección da atmosfera e contaminación acústica, poboación e saúde; augas e leitos fluviais; xestión de residuos; integración paisaxística ou protección da fauna e da vexetación, entre outros.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, tamén foi remitida a resolución ao órgano substantivo -a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias-.
O proxecto para a transformación dunhas instalacións existentes nunha planta de produción de comida para mascotas localízase nunha parcela de 14.210 m2 no polígono empresarial de Espiñeira, na parroquia de Santa Baia, no municipio coruñés de Boiro. O proxecto levarase a cabo nunha nave industrial con edificacións auxiliares, que ocupan unha superficie de 5.840,1 m2, , e que non terán que ser modificadas.
A nova instalación, promovida por Petselec, SA, encargarase da elaboración e empaquetado de comida para mascotas, empregando diferentes materias primas (produtos cárnicos, pescado, vexetais, cereais e aditivos). A capacidade máxima de produción da liña estímase en 66,15 t/día e 50 t/ano. O produto elaborado, que non é apto para consumo humano, será almacenado en contedores estancos (cámara de refrixeración) ata a súa recollida por un xestor autorizado.
Agora a Dirección Xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería do Medio Rural, como órgano substantivo -encargado de tramitar o conxunto do proxecto e de autorizalo en última instancia-, pasa a asumir de novo o expediente unha vez completado o trámite ambiental e encargarase de velar, en caso de saír adiante, polo cumprimento das exixencias ambientais recollidas tanto nos distintos informes sectoriais como no propio IIA e no plan de vixilancia ambiental de aplicación.