A Xunta subliña as posibilidades da intelixencia artificial como panca de competitividade e emprego para Galicia
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou en Vigo no panel sobre Presente e oportunidades da Intelixencia Artificial no marco do evento Galia Tech, onde salienta que a IA permitirá ás empresas galegas ser máis eficientes e diferenciarse nos mercados internacionais
Lembra que o Goberno galego está a promover programas de axudas como IA360, potenciando as Business Factories ou impulsando os hubs DIHGIGAL e DATAlife para achegar a tecnoloxía a pemes e autónomos
Destaca a aposta da Xunta pola formación e a retención de talento, na procura de que a transición cara á intelixencia artificial se traduza en emprego cualificado e estable
Vigo, 24 de setembro de 2025
A directora do Igape, Covadonga Toca, participou hoxe no panel “Presente e oportunidades da Intelixencia Artificial”, no marco do evento Galia Tech celebrado no Museo de Arte Contemporánea de Vigo. No seu relatorio, subliñou que a intelixencia artificial “supón para Galicia unha panca de transformación” e que se trata dun factor estrutural de competitividade que marcará “a diferenza entre liderar ou quedar atrás”.
Toca explicou que no curto prazo a intelixencia artificial permitirá ás empresas galegas reducir custos, optimizar procesos produtivos e mellorar a súa capacidade de anticipación, mentres que no medio prazo abrirá novas oportunidades de internacionalización e diferenciación con produtos e servizos de maior valor engadido. Citou, entre outros, sectores como a industria, o agroalimentario, o naval, a automoción, a enerxía ou a saúde, nos que a intelixencia artificial xa está a ofrecer solucións concretas.
A responsable do Igape recoñeceu tamén que a adopción desta tecnoloxía segue a ser baixa, especialmente nas micropemes e nos autónomos, pero recalcou que “a responsabilidade da Xunta é derrubar barreiras e garantir que ninguén quede atrás”.
Neste sentido, destacou a importancia de apoiar as startups e o emprendemento innovador, que actúan como motor de transferencia tecnolóxica e dinamizadores do tecido produtivo. Toca lembrou que a Xunta de Galicia está a promover instrumentos clave como o programa de axudas para empresas IA360, as Business Factories sectoriais ou os hubs europeos DIHGIGAL e DATAlife, que achegan a tecnoloxía a pemes e autónomos, impulsan a creación de novas empresas e facilitan a súa conexión con investidores e mercados internacionais.
Finalmente, referiuse ao impacto da intelixencia artifical no mercado laboral, defendendo unha visión optimista baseada na formación, na atracción de talento e na creación de emprego cualificado. Segundo concluíu, a prioridade da Xunta é que a transición cara á intelixencia artificial “sexan unha historia de éxito compartido”, na que Galicia se consolide como referente europeo en innovación, sustentabilidade e talento.