A Xunta adxudica as obras de construción do novo centro de saúde de Muíños por un importe de 1,2 M€

O Executivo galego duplicará a superficie do actual centro de saúde construíndo unha infraestrutura sanitaria que acadará os 459 metros cadrados

O novo centro de saúde estará dotado cunha consulta de medicina de familia, unha de enfermería e outra de tipo polivalente

A previsión é que os traballos de construción boten a andar este mesmo ano, cun prazo de execución de 18 meses

Nas próximas semanas tamén se adxudicarán as obras de execución do novo centro de saúde de Boborás

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2025

O Servizo Galego de Saúde vén de adxudicar á empresa COVIASTEC S.L. a construción do novo centro de saúde de Muíños por un importe de 1.199.986 euros.

A nova infraestrutura sanitaria contará cunha superficie construída de 459 metros cadrados, o que suporá incrementar en máis do dobre o espazo do actual centro de saúde.

Emprazado no núcleo de Mugueimes, esta nova infraestrutura sanitaria de atención primaria contará cunha consulta de medicina de familia, unha de enfermería e outra de tipo polivalente.

Así, e respecto do centro actual, contará cunha nova consulta polivalente, ademais doutros espazos: zona de admisión, salas de espera, despacho de atención ao usuario, aseos, almacén, oficios e salas de xuntas.

Os traballos terán un prazo de execución de 18 meses. A previsión é que se poidan iniciar este mesmo ano.

Nas próximas semanas tamén se adxudicarán as obras de construción do novo centro de saúde do concello ourensán de Boborás.

Data de actualización: 24/09/2025