A Xunta salienta o papel estratéxico do sector comercial como fonte de riqueza e emprego con impacto no territorio

Pozuelo de Alarcón (Madrid), 24 de setembro de 2025

O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, asistiu esta mañá á inauguración do XXI Congreso Español de Centros e Parques Comerciais, un foro que reúne profesionais, empresas e administracións públicas de todo o país para analizar cuestións transversais como a dixitalización, a sustentabilidade ou as novas tendencias de consumo.

Alén subliñou a importancia de intercambiar experiencias e establecer alianzas que reforcen o tecido comercial galego, promovendo boas prácticas de xestión, promoción e servizo ao cliente. O compromiso do Goberno galego co sector comercial materialízase a través de diferentes liñas de apoio, incluíndo as axudas específicas para os centros comerciais abertos, co obxectivo de potenciar a súa capacidade de innovación e excelencia. Neste contexto, xa está en marcha o novo Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030, dotado con máis de 320 millóns de euros e máis de 70 accións, con especial foco na modernización, na remuda xeracional e na formación, asegurando que o comercio asentado no territorio continúe a ser unha peza clave na xeración de riqueza e emprego en Galicia.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2025