Medio Rural compensa os danos dos incendios forestais nos viñedos con ata 200.000 euros e as perdas na produción con achegas de 12.700 euros por hectárea
A titular deste departamento visitou hoxe o concello ourensán de Beade para revisar algunhas das zonas de viñedo afectadas polos lumes de agosto
Puxo a disposición o traballo dos técnicos da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia para realizar unha análise máis completa sobre esta afectación
Beade (Ourense), 24 de setembro de 2025
A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, acompañada polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, visitou hoxe o concello ourensán de Beade para revisar algunhas das zonas de viñedo afectadas polos incendios forestais do mes de agosto. Alí, lembrou as diferentes liñas de axudas postas en marcha pola Consellería para explotacións agrícolas, gandeiras e forestais.
Entre elas, mencionou aquelas que poden ser solicitadas por produtores de viño, como é o caso da partida para a reparación de bens, maquinaria, equipamento ou medios de produción das explotacións agrícolas ou gandeiras, cun investimento de ata 200.000 euros por persoa; así como por perdas na produción, que ascenden ata os 12.700 euros por hectárea no caso do viñedo.
María José Gómez asegurou que o Goberno autonómico está ao carón do sector vitivinícola para “tenderlles a nosa man” co fin de facer fronte ás consecuencias derivadas destes lumes. Neste sentido, puxo a disposición o traballo dos técnicos da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (Evega) para realizar unha análise máis completa sobre a afectación dos incendios forestais no viñedo.
A maiores, recoñeceu o labor dos máis de 10.000 viticultores e preto de 443 adegas que conforman o sector vitivinícola de calidade en Galicia, “nun momento clave para o sector, como é o inicio da vendima”. Así mesmo, cómpre recordar outras liñas de apoio do Goberno autonómico a este eido, como son as achegas para a elaboración e comercialización de produtos vitivinícola, que acaban de resolverse cun orzamento de subvención de 5,4 millóns de euros, que chegarán a 27 beneficiarios.
Tamén destacan as axudas para a promoción do viño galego en mercados de terceiros países, que neste 2025 conta cun orzamento de 1,7 millóns de euros; ou a liña para a reestruturación e reconversión de viñedo, dotadas na última convocatoria con catro millóns de euros.