Gómez Caamaño salienta que a sanidade pública galega realizou este verán máis cirurxías, máis consultas e máis probas, superando as 300.000 urxencias hospitalarias

O conselleiro remarca que, nun contexto de déficit de profesionais en toda España e coa situación excepcional vivida cos incendios, a sanidade pública galega conseguiu atender a demanda e garantir unha atención sanitaria de calidade

A actividade asistencial dos meses de xuño, xullo e agosto deste ano rexistrou un 4,9 % máis de intervencións cirúrxicas programadas, acadando as 36.775 operacións

Salienta a boa planificación das camas, que permitiu rexistrar 1.000 ingresos programados máis que o verán pasado, o que supón unha suba do 8 %

Gómez Caamaño subliña o incremento significativo das probas diagnósticas, con 38.000 máis, un incremento do 4,7 % con respecto ao pasado ano

Tamén se realizaron 44.000 consultas hospitalarias máis, un aumento do 4,2 %

Os centros de saúde atenderon case 6,9 millóns de consultas, 30.000 máis que o verán pasado

O número de asistenciais nos puntos de atención continuada medrou un 2,6 %, acadando as 450.855 atencións

O 061 atendeu 297.500 chamadas, mobilizou ambulancias en 82.400 ocasións, garantindo un nivel de servizo sempre superior ao 92 %

O conselleiro recoñece o traballo de todo o persoal do Servizo Galego de Saúde

Santiago de Compostela, 24 de setembro de 2025

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, salientou hoxe que este verán o Servizo Galego de Saúde realizou máis cirurxías programadas, máis consultas e máis probas diagnósticas, ademais de atender 302.000 urxencias nos hospitais públicos, o que supón un incremento do 1,3 % con respecto ao mesmo período do ano anterior.

O titular da carteira sanitaria detallou no Parlamento os resultados da planificación da Xunta establecida para a cobertura sanitaria durante o verán.

Ao respecto, e nun contexto de déficit de profesionais en toda España, o conselleiro dixo que a sanidade pública galega conseguiu atender a demanda deste verán garantindo, en todo momento, unha atención sanitaria de calidade, polo que agradeceu e recoñeceu o traballo de todo o persoal do Servizo Galego de Saúde.

Ademais, o conselleiro explicou que neste verán se viviron circunstancias excepcionais como consecuencia dos incendios forestais, o que obrigou á sanidade pública galega a facer esforzos adicionais para prestar a necesaria asistencia a través do 061; a través dos servizos de urxencia, tanto nos puntos de atención continuada como nos hospitais para atender aos afectados; e a unha reorganización asistencial nos centros de saúde dos municipios afectados, centralizando a atención nos centros de cabeceira para garantir a asistencia sanitaria a toda a veciñanza dos concellos afectados polos lumes.

Actividade asistencial nos hospitais

Na súa intervención no Pazo do Hórreo, o conselleiro puxo en valor a correcta planificación que se fixo de camas hospitalarias no período estival, acadándose preto de 1.000 ingresos programados máis que o verán anterior, o que supón un incremento do 8% da actividade programada en ingresos nos hospitais públicos.

Ademais, a actividade asistencial dos meses de xuño, xullo e agosto deste ano reflicten un 4,9 % máis de intervencións cirúrxicas programadas, acadando as 36.775 operacións.

Nas cirurxías de prioridade de maior gravidade, prioridade 1, o Servizo Galego de Saúde mantivo o mesmo nivel de actividade que o ano pasado, cunha media de espera de 24 días, por baixo dos 30 fixados.

No que atinxe ás cirurxías enmarcadas na Lei de garantía de tempos máximos, onde se atopan os procesos oncolóxicos, incrementouse a actividade nun 13,4 % comparado co ano anterior, con 337 intervencións máis e diminuíndo o tempo de agarda en preto dun día.

En relación ás probas diagnósticas, o conselleiro destacou o incremento significativo rexistrado, realizándose 38.000 máis que no mesmo período do ano anterior, o que supuxo un incremento do 4,7 %.

Tamén incidiu Gómez Caamaño nos bos datos acadados en canto a consultas hospitalarias, con 44.000 máis realizadas, o que supón un incremento do 4,2 %. En canto a consultas por vías rápidas, conseguiuse atender máis de 7.000 pacientes, un 10, 9% máis que no mesmo período do verán pasado.

Polo que se refire ás urxencias hospitalarias, atendéronse no verán 302.000, o que supón 3.800 máis que no verán de 2024, cun incremento do 1,3 %.

Atención primaria

Respecto do primeiro nivel asistencial, a atención primaria, a Xunta preparou un plan específico de reforzo para garantir a máxima calidade asistencial ao que destinou máis de 12 millóns de euros e un dispositivo de máis de 260 profesionais.

Grazas a estas medidas, tal e como detallou Gómez Camaaño, realizáronse 30.000 consultas máis nos centros de saúde que no verán anterior, acadando un total de 6,8 millóns, cun incremento do 0,4 %.

Tamén se incrementou o número de asistencias nos puntos de atención continuada, que medrou un 2,6 % acadando as 450.855 atencións.

En concreto, e desagregado por especialidades, o conselleiro dixo que este verán se realizaron 6.300 consultas máis de médico de familia. O aumento tamén foi significativo nas consultas dos equipos de enfermería a domicilio, cun incremento de máis 26 %, nas consultas de hixienistas bucodentais, que subiron un 7,6 %, ou nas de fisioterapia, que rexistraron un incremento do 5,6 %.

A pesar da forte suba da demanda asistencial, a sanidade pública galega logrou incrementar a resolutividade da atención primaria, cun menor número de derivacións ás consultas hospitalarias.

Respecto das emerxencias sanitarias, o conselleiro dixo que o 061 atendeu nos meses de xuño, xullo e agosto 297.500 chamadas e mobilizou ambulancias en 82.400 ocasións, cun nivel de servizo superior ao 92 %, o que significa que de cada 100 galegos que chaman ao 061 o 92 % se atenden en menos de tres segundos.

O titular da carteira sanitaria insistiu na falta de profesionais de medicina de familia e de pediatría, problema que o Goberno de España debe resolver por ser do seu ámbito competencial, e reiterou que, a pesar de que o Ministerio de Sanidade non atenda as demandas das comunidades respecto deste problema, a Xunta seguirá actuar con medidas que garantan unha atención continuada e de calidade a toda a poboación.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 24/09/2025