A Xunta avoga pola combinación da sustentabilidade e o progreso económico e destaca o compromiso do goberno galego coa transición enerxética e ecolóxica

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes participou na clausura da xornada ‘Galicia sostible. Oportunidade de futuro’, organizado por el.diario.es, onde puxo en valor as medidas postas en marcha pola Xunta para avanzar cara a sustentabilidade

Diego Calvo referiuse a medidas como a Lei de Recursos Naturais aprobada o ano pasado, a futura Lei do Clima, a Estratexia Galega de Mobilidade ou a colaboración cos concellos para axudarlles a acadar un maior aforro enerxético

A Coruña,  25 de setembro de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou esta mañá na clausura da xornada Galicia sostible. Oportunidade de futuro, onde destacou a necesidade de combinar a sustentabilidade ambiental co desenvolvemento económico e cun modelo industrial sostible e respectuoso co medio ambiente. Nesta liña, puxo en valor o compromiso do Goberno galego coa transición enerxética baseada no impulso das enerxías renovables e cunha transición ecolóxica xusta, sostible e xeradora de emprego verde. 

Durante a súa intervención, incidiu en que Galicia conta con todas as pezas para avanzar cara a sustentabilidade tal e como demanda a sociedade. Puxo como exemplo a Lei de Recursos Naturais, aprobada o ano pasado, que definiu como a maior reforma en materia industrial e enerxética dos últimos anos en Galicia. Trátase dunha norma -explicou- que garante aproveitar os recursos naturais coa máxima protección ao medio ambiente, buscando que os beneficios xerados queden en Galicia.

O conselleiro de Presidencia tamén se referiu á futura Lei do Clima coa que Galicia será a primeira comunidade en fixar por lei o obxectivo de neutralidade climática no horizonte de 2040, unha década antes do prazo fixado pola UE. Deste xeito, o clima será o eixo transversal das políticas levadas a cabo pola Xunta.

Neste senso, advertiu de que para que a transición climática sexa sostible é preciso desbloquear a parálise do sector eólico e poñer en marcha os proxectos previstos. Así, lembrou que, unha vez coñecida a postura do Alto Tribunal europeo o pasado agosto, é necesario que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) retome a tramitación dos mesmos ao non existir xa ningunha xustificación para manter a actual situación de bloqueo xudicial.

Ademais, lamentou que o Goberno central veña de anunciar esta semana un recurso á Lei de medidas fiscais e administrativas da Xunta que, entre outros artigos, afecta ao sector eólico e, segundo advirte, afecta á implantación dunha medida que busca reducir o impacto ambiental e aumentar os beneficios económicos e sociais na contorna dos parques eólicos.

Por outra parte, o conselleiro de Presidencia engadiu que a mobilidade do futuro ten que centrarse tamén na sustentabilidade e, con ese obxectivo, a Xunta conta coa Estratexia Galega de Mobilidade, unha folla de ruta ata 2050 que implica a todas as administracións e que representa un investimento superior aos 400 millóns de euros con case un cento de medidas. O conselleiro citou algunhas das iniciativas integradas na estratexia, co impulso a infraestruturas como sendas peonís e ciclistas ou aparcadoiros disuasorios ou máis puntos de recarga para vehículos eléctricos.

Neste marco de acción, Diego Calvo incide en que o Goberno galego aposta tamén polo transporte público, ao que destina máis de 150 millóns de euros ao ano, polas estacións intermodais e polas axudas para a renovación e modernización das frotas de transporte tanto de viaxeiros como de mercadorías, entre outras actuacións.  

Por último, no marco da colaboración da Xunta cos concellos galegos, a Administración autonómica contribúe a impulsar o desenvolvemento sostible nas entidades locais con liñas de axudas como o Fondo de Compensación Ambiental; a orde de subvencións, cofinanciada con fondos europeos Feder, para impulsar a eficiencia enerxética en municipios; ou o fondo adicional do Fondo de Cooperación Local, dirixido a mellorar a eficiencia enerxética en instalacións municipais de concellos de menos de 15.000 habitantes.

A través destas axudas, os concellos poden executar multitude de proxectos nos seus territorios, por exemplo, traballos de optimización enerxética dos edificios, instalacións e infraestruturas municipais; a renovación das frotas municipais mediante a adquisición de vehículos mais eficientes; actuacións nos núcleos rurais para a integración paisaxística na contorna; plans sustentables de mobilidade, ou a implantación de tecnoloxías ou adquisición de equipamentos máis eficientes e respectuosos co ambiente e de menor consumo enerxético.

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2025