A directora xeral de Patrimonio Natural asistiu esta tarde á reunión do Padroado do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia

A Xunta salienta o incremento nun 35,5 % da poboación de gaivota patiamarela no Parque Nacional das Illas Atlánticas durante o último ano

Durante o reunión, presentáronse os resultados do censo 2025-2026 desta especie, que amosou un crecemento excepcional en Ons, se mantén no caso do arquipélago Cíes e se consolida en Sálvora, a illa con máis presenza desta especie

Marisol Díaz destaca que se trata do maior avance poboacional desta ave rexistrado nos últimos anos dentro deste espazo protexido

Vigo, 15 de xullo de 2026

A Xunta salienta o incremento que experimentou a poboación de gaivota patiamarela no Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia no último ano, ao rexistrarse un 35,5% máis de exemplares desta ave que no período anterior.

A directora xeral de Patrimonio Natural, Marisol Díaz, participou hoxe en Vigo na reunión do padroado do Parque Nacional, onde, entre outros asuntos relacionados coa actividade e os proxectos que se desenvolven neste espazo protexido, se presentaron os principais resultados do censo de gaivotas patiamarelas.

Na súa intervención, Marisol Díaz puxo en valor que no período 2025-2026 se rexistraron un total de 6.072 parellas nos catro arquipélagos do parque, fronte ás 4.480 contabilizadas no ano anterior, o maior avance rexistrado nos últimos censos desta especie no espazo protexido. 

A directora xeral sinalou que as Illas Atlánticas seguen a ser un dos refuxios máis importantes para as aves mariñas do norte peninsular, e engadiu que o traballo de seguimento e conservación que se realiza no Parque Nacional é clave para garantir a boa saúde das poboacións presentes no mesmo e confirman a tendencia de recuperación dalgunhas especies.

Durante o encontro, expuxéronse as conclusións sobre a presenza da gaivota patiamarela en cada un dos catro arquipélagos que conforman as Illas Atlánticas. Así, en Ons rexistrouse o maior crecemento porcentual, cun aumento do 71,3% no número de parellas estimadas, ao pasar de 659 a 1.129. O censo de Sálvora mantense como o de maior volume de poboación e consolídase como o núcleo con máis actividade reprodutora do parque, con 3.707 parellas. No caso das Cíes, o incremento desta especie mantense estable e o arquipélago de Cortegada segue a ser a zona de menor presenza de gaivota patiamarela. 

No Padroado, abordouse tamén a proposta da oitava reserva da biosfera Rías Baixas, que ten como núcleo principal o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia e estende o seu ámbito territorial desde O Porto do Son ata Baiona.

Ademais, tratáronse outros temas que afectan a este espazo, entre eles, informes sobre as actividades desenvolvidas en materia de conservación da biodiversidade ou sobre as últimas prospeccións arqueolóxicas en Cíes e en Ons. Para rematar, proxectouse un vídeo co fin de presentar ante os membros do Padroado as principais accións realizadas nos últimos meses en diferentes eidos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 15/07/2026