A Xunta destina este ano 9,2 M€ á execución de 238 proxectos para fomentar o desenvolvemento sostible

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe as actuacións levadas a cabo en Vilarmaior ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental, que permitiron ampliar a rede de saneamento de augas residuais na parroquia de Doroña

Destaca a importancia destas axudas para apoiar accións a prol da biodiversidade, do coñecemento dos recursos naturais, da recuperación da contorna e da eficiencia enerxética

Pon en valor que desde a posta en marcha da iniciativa investíronse preto de 143M€ en case 3.200 proxectos

Vilarmaior (A Coruña), 25 de setembro de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, visitou hoxe as actuacións levadas a cabo en Vilarmaior cunha achega de 32.000 euros ao abeiro do Fondo de Compensación Ambiental (FCA) para mellorar a rede de saneamento do núcleo da Viaxe. Trátase dun dos 238 proxectos desenvolvidos en toda a comunidade cun investimento de case 9,2 millóns de euros na convocatoria deste ano co obxectivo de mellorar a protección do medio ambiente e o espazo natural.

O conselleiro lembrou que o FCA foi creado para distribuír o canon eólico en beneficio da conservación e restauración da contorna, así como do reequilibrio territorial. Conta con dúas liñas: a de concorrencia non competitiva, dotada con seis millóns de euros, e da que se beneficiaron 124 entidades e, por outra parte, a de concorrencia competitiva aberta a todos os concellos, mancomunidades ou consorcios locais de Galicia, sempre que estean participados por un ou varios concellos. Neste último caso, foron 114 as entidades beneficiarias, cun investimento de case 3,2 millóns de euros nas iniciativas presentadas.

Estas axudas financian, entre outras medidas, campañas divulgativas, plans e proxectos ambientais; accións de eficiencia enerxética e de redución da contaminación lumínica; melloras enerxéticas nas instalacións municipais; a adquisición de vehículos con distintivo ambiental ou destinados a actuacións a prol da contorna natural; melloras en infraestruturas destinadas á utilización recreativa e didáctica dos recursos naturais e a prol da integración paisaxística nos núcleos rurais, así como proxectos para evitar a degradación e facilitar o control ambiental no ámbito municipal.

No caso de Vilarmaior impúlsase a ampliación da rede de saneamento da parroquia de Doroña, en concreto no núcleo da Viaxe, para mitigar os impactos negativos sobre os recursos hídricos locais. Como explicou o conselleiro, esta actuación permite asegurar o cumprimento das normativas medioambientais e sanitarias vixentes e serve para previr a posible contaminación das fontes de auga próximas ás vivendas. O concello de Vilarmaior tamén foi beneficiario da convocatoria do FCA o ano pasado para o mesmo propósito de ampliación da rede noutros núcleos cun investimento de 30.000 euros.

Compromiso coas entidades locais

Diego Calvo lembrou que o Fondo de Compensación Ambiental é un recurso fundamental para o desenvolvemento e mantemento de iniciativas relacionadas coa protección dos espazos naturais, ademais de ser unha importante ferramenta para o reequilibrio territorial. Ao longo dos xa 15 anos dende a primeira convocatoria, financiáronse case 3.200 proxectos, para os que se achegaron arredor de 143 millóns de euros.

A Xunta mantén así o seu compromiso coas entidades locais coa finalidade de que a cidadanía galega, con independencia do seu lugar de residencia, poida manter unhas condicións óptimas de vida e optar aos servizos municipais. Nesta liña, só o ano pasado distribuíronse máis de 32 millóns de euros para a execución de case 700 proxectos municipais mediante as liñas de axudas específicas da Dirección Xeral de Administración Local como este FCA.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 25/09/2025