Máis de 4.500 alumnos poderán participar nas novas actividades extraescolares da Xunta para o fomento da convivencia dixital e o uso seguro das tecnoloxías
O programa desenvolverase entre o 13 de outubro e o 18 de decembro, con dúas sesións á semana de dúas horas cada unha e en grupos de entre 15 e 25 alumnos
O prazo de solicitudes, que deben presentar as direccións dos centros, está aberto ata o 9 de outubro
Santiago de Compostela, 28 de setembro de 2025
Máis de 4.500 alumnos de entre 9 e 17 anos poderán participar este outono nas novas actividades extraescolares da Xunta para o fomento da convivencia dixital e o uso seguro das tecnoloxías. O Goberno galego inviste máis de 1M€ no novo programa ConVivimos Dixital, anunciado polo conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, no Parlamento esta mesma semana, é de balde para as familias e entronca cos obxectivos da futura Lei de educación dixital, coa que a Xunta vai regular o uso das novas tecnoloxías nas aulas dos centros educativos.
As actividades desenvolveranse nos propios centros solicitantes en horario extraescolar entre o 13 de outubro e o 18 de decembro, con dúas sesións á semana de dúas horas cada unha e en grupos de entre 15 e 25 alumnos. O horario e os días para o desenvolvemento do programa serán elixidos polo centro educativo solicitante.
Poden participar nesta convocatoria os centros públicos de Educación Primaria, Secundaria Obrigatoria, Bacharelato e FP e darase prioridade ao alumnado de maior vulnerabilidade educativa, social e económica. O prazo de solicitudes está aberto ata o 9 de outubro. Deben presentalas as direccións dos centros a través da Sede Electrónica da Xunta de Galicia.
O obxectivo principal deste programa é fomentar unha convivencia dixital responsable desde a infancia, asegurando o benestar e a seguridade dos menores nas contornas tecnolóxicas. Para iso, impúlsase a adquisición de competencias dixitais que favorezan un uso positivo, inclusivo e seguro da tecnoloxía, en coherencia e complemento coas medidas impulsadas por outras administracións.
Niveis en función da idade
ConVivimos Dixital combina actividades formativas, talleres prácticos e actividades grupais, todas orientadas a fomentar a cooperación e o traballo en equipo. Ademais de potenciar as competencias dixitais do alumnado, búscase promover unha convivencia respectuosa e inclusiva, prestando especial atención a quen presenta vulnerabilidade.
O programa divídese en tres modalidades diferenciadas por idades, con formación en competencias dixitais básicas para o alumnado de 9 a 11 anos, medias para os que teñen 12 e 13 e avanzadas para os de entre 14 e 17 anos.
A metodoloxía será activa, lúdica e cooperativa e promoverá aprendizaxes significativas por parte do alumnado, incidindo na educación en valores democráticos e nos aspectos relacionados coa sostibilidade e coñecemento da contorna. O alumnado estará acompañado por persoal cualificado cun nivel de competencia dixital axeitado para impartir as actividades.
Este programa, financiado con fondos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia, súmase ao conxunto de iniciativas impulsadas pola Consellería de Educación para reforzar a competencia dixital do alumnado galego de acordo coa Estratexia de educación dixital 2030, enfocada a xerar un ecosistema dixital nos centros educativos e formar tanto ao profesorado como ao alumnado nestas novas competencias e tecnoloxías.