O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes reuniuse co secretario de Estado de Política Territorial, Arcadi España, para abordar ambas as transferencias

Xunta e Goberno central acordan iniciar en outubro os encontros para avanzar no traspaso das competencias en aeródromos e permisos de traballo

Diego Calvo insistiu tamén na reclamación do Goberno galego en relación co rescate da autoestrada AP-9 e pediu información sobre o proceso e as alegacións presentadas polo Estado

Afondar na colaboración respecto dos avisos meteorolóxicos foi outro dos asuntos tratados co obxectivo de que exista maior coordinación e precisión nos sistemas de predición  

O obxectivo é avanzar no autogoberno en beneficio da poboación galega e dunha maior calidade  na prestación dos servizos

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reuniuse hoxe co secretario de Estado de Política Territorial, Arcadi España, para abordar a situación das transferencias xa comprometidas polo Goberno central coa Xunta: a xestión dos aeródromos galegos non cualificados de interese xeral e as autorizacións de traballo de estranxeiros en relación laboral con Galicia. Segundo acordaron, en outubro manteranse as primeiras xuntanzas técnicas para avanzar co obxectivo de celebrar unha Comisión Bilateral e pechar os traspasos. O conselleiro manifestou a vontade da Xunta de chegar a acordos canto antes.

No encontro, no que tamén participaron o secretario xeral técnico da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, Joaquín Macho, e o delegado do Goberno, Pedro Blanco, analizáronse os trámites e prazos para o traspaso de ambas as competencias, que o Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática se abriu a negociar tras as solicitudes enviadas por carta en agosto por Diego Calvo ao ministro Ángel Víctor Torres.

Segundo sinalou o conselleiro, o obxectivo de demandar ambas as transferencias é traballar en beneficio da poboación galega e na mellora da calidade dos servizos prestados. Nesta liña, agradeceu a vontade de colaboración do Goberno ao abrir este proceso de diálogo, “nunha semana dura tras a presentación por parte do Estado de dous recursos de inconstitucionalidade á Lei de medidas fiscais e administrativas aprobada pola Xunta o pasado decembro”. “Con todo, cremos que con respecto a estes dous asuntos se pode chegar a acordo”, engadiu.

No encontro abordáronse tamén as demandas da Xunta con respecto aos avisos meteorolóxicos, no marco da Lei do Clima que está actualmente en tramitación parlamentaria. Diego Calvo incidiu en que non se trata de que Aemet deixe de prestar servizos en Galicia, senón de “afondar na colaboración” e que se teña na mesma consideración o que din ambos os organismos. Segundo informou, no mes que vén intentarase avanzar tamén nestes modelos de colaboración para que exista maior coordinación e precisión entre os sistemas de predición.

A maiores, o conselleiro de Presidencia lembrou a demanda da Xunta de asumir as competencias sobre a autoestrada AP-9, que foi paralizada no Congreso en numerosas ocasións, sen que se permita o debate, “Dada a situación na que estamos temos que poñer enriba da mesa o rescate da AP-9”, apuntou, ao tempo que pediu información sobre o proceso, xa que ata o momento e finalizado o período de alegacións por parte do Estado, Galicia descoñece “se se presentaron alegacións e cal é a decisión do Estado neste sentido”.

Impulso á conectividade

Con respecto aos traspasos dos que xa se vai iniciar a negociación, a asunción da xestión e autorización de aeroportos, aeródromos e heliportos non declarados de interese xeral, así como aeródromos deportivos, ten como obxectivo a mellora da eficiencia e adaptar a xestión ás necesidades territoriais, impulsando o desenvolvemento socioeconómico e a conectividade.

Segundo sinalou o conselleiro, Galicia conta con 40 instalacións deste tipo, que se utilizan principalmente para servizos relacionados coa sanidade ou a loita contra os incendios, entre outras funcións. Trátase dunha competencia que xa recolle o Estatuto de Autonomía como exclusiva da comunidade, aínda que na práctica é o Estado quen a exerce, ao dispoñer dos medios e servizos necesarios.

Incorporación de traballadores e atracción de talento

Por outra banda, no eido laboral, avaliouse o traspaso das competencias executivas para a xestión das autorizacións iniciais de traballo das persoas estranxeiras na Comunidade Autónoma como unha cuestión que permitiría axilizar a incorporación de traballadores de terceiros países ao mercado laboral favorecendo de xeito planificado e integrador a atracción de talento. 

En concreto, trátase da tramitación e resolución das autorizacións iniciais de traballo por conta allea e propia e dos permisos para actividades laborais de tempada. Tamén a xestión de contratacións en orixe e as relacionadas cos permisos derivados do arraigamento sociolaboral e socioformativo, así como a tramitación das autorizacións vinculadas a estadías de longa duración por razóns de estudo, mobilidade de alumnado, voluntariado ou formación. 

A Xunta solicitou o traspaso destas competencias ao Executivo estatal tras constatar que existen argumentos xurídicos sólidos para entender que estas funcións forman parte da execución da propia lexislación en materia laboral, unha competencia xa recoñecida a Galicia ao abeiro do seu Estatuto de Autonomía, e que, polo tanto, lle corresponde á Comunidade Autónoma o seu pleno exercicio. Esta interpretación queda avalada, ademais, pola doutrina reiterada a este respecto polo Tribunal Constitucional en diferentes sentenzas. 

Ademais, o traspaso destas competencias é un paso clave para potenciar iniciativas pioneiras impulsadas polo Executivo galego como o establecemento de mecanismos que faciliten a migración laboral ordenada e en liña coas empresas. 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/09/2025