A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático asinou un convenio de colaboración co alcalde da localidade

A Xunta destina preto de 50.000 euros á posta en valor da contorna fluvial da área recreativa da presa, no concello de Frades

Ángeles Vázquez explica que esta intervención permitirá devolver a este espazo todo o seu valor ambiental e funcional, e favorecerá o uso responsable desta zona que é moi utilizada por veciñanza e visitantes para desfrutar do seu tempo de lecer

Frades (A Coruña), 27 de setembro de 2025

A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Frades, Roberto Rey, asinaron esta mañá un convenio de colaboración polo que a Xunta destina preto de 50.000 euros á recuperación dun azude no río Tambre, que permitirá a posta en valor da contorna fluvial da área recreativa da Presa.

Deste xeito, Augas de Galicia asumirá o financiamento da actuación que permitirá restaurar un tramo de 15 metros do azude que, ademais de dar servizo a unha antiga central hidroeléctrica no limítrofe concello do Pino, xerou unha zona axeitada para o baño, que foi a orixe dunha das primeiras praias fluviais de Frades.

Así, segundo explicou a conselleira, esta intervención permitirá devolver a este espazo todo o seu “valor ambiental e funcional”, e favorecerá o uso responsable desta contorna fluvial que é moi utilizado por veciñanza e visitantes para desfrutar do seu tempo de lecer.

Nesa liña, Ángeles Vázquez subliñou que esta actuación se enmarca na Estratexia para a posta en valor das contornas fluviais, cuxo obxectivo é impulsar a recuperación e mellora de elementos construtivos tradicionais e funcionais presentes nos ríos como represas, pontes peonís ou pasarelas, que forman parte do patrimonio hidráulico.

Nese senso, a intervención prevista ten como obxectivo mellorar a seguridade e a accesibilidade a esta contorna, así como garantir a conservación dun elemento de gran valor histórico-etnográfico.

En concreto, os traballos, que teñen un prazo de execución de tres meses, consistirán na reconstrución do azude mediante bloques de pedra granítica de entre 400 e 800 quilogramos.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 27/09/2025