Galicia comparte con Cataluña o seu sistema de I+D+i e as políticas públicas postas en marcha con éxito

Os conselleiros de Ciencia e Universidades de ambas comunidades manteñen unha xornada de traballo para avaliar estratexias e capacidades entre ambos territorios

Visitan os centros de investigación CIMUS, da USC, e IGFAE, USC-Xunta, así como o centro de investigación empresarial Mestrelab e reúnense con axentes destacados

Román Rodríguez agradece o interese da súa homóloga polo modelo de gobernanza e xestión que Galicia está desenvolvendo nesta materia con bos resultados

Núria Montserrat sinala esta xornada como unha oportunidade de traballo conxunto e sinala Galicia como un modelo a seguir

Santiago de Compostela, 26 de setembro de 2025

Galicia e Cataluña mantiveron hoxe unha xornada de traballo en materia de I+D+i. O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, recibiu á conselleira de Investigación e Universidades da Generalitat, Núria Montserrat, co obxectivo de compartir e intercambiar estratexias e políticas públicas nesta materia entre ambas comunidades, así como avaliar posibles colaboracións tanto a nivel administrativo como capacidades entre territorios.

O representante do Goberno galego agradeceu o interese da súa homóloga polo modelo de gobernanza e xestión que Galicia está desenvolvendo, con bos resultados, nos ámbitos da ciencia e a innovación, con estruturas como a Rede CIGUS, as convocatorias de colaboración público-privada en marcha ou os plans plurianuais de financiamento universitario. Do mesmo xeito, transmitiu o seu agradecemento pola colaboración do ICREA, Institución Catalana de Investigación e Estudos Avanzados, á hora de asesorar ás autoridades galegas no deseño de Galtia, a futura fundación galega de atracción de talento investigador de alto nivel que botará a andar coa súas primeiras iniciativas en 2026.

Nunha visita na que estiveron acompañados polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez, e pola directora da Axencia Galega de Innovación, Carmen Cotelo, explicaron as principais liñas da carreira investigadora galega, o programa Oportunius ou do Plan galego de investigación e innovación 25-27, dotado con 1.310 M€ e 165 actuacións.

Nese senso, o conselleiro incidiu en aspectos como a especialización estratéxica en áreas como a biotecnoloxía, as tecnoloxías intelixentes (cuántica e intelixencia artificial) e as tecnoloxías limpas. Tamén expuxo programas de transferencia de resultados como Ignicia, así como o fomento da innovación desde a demanda que Galicia lidera a nivel estatal.

O titular de Ciencia da Xunta lembrou que as políticas públicas en Galicia están “dando os seus froitos”. Segundo o Instituto Nacional de Estatística, Galicia é a comunidade onde máis medrou o investimento en I+D no último estudo, aínda que lonxe de comunidades líderes nesta materia como precisamente é Cataluña. “As cifras reflicten a tendencia ascendente de Galicia en I+D+i, unha prioridade para a Xunta”, engadiu Román Rodríguez, quen considera que a ciencia e a innovación son fundamentais para “impulsar o progreso socioeconómico e mellorar a vida dos galegos” e este tipo de encontros contribúen a iso. De feito, agradeceu a xornada coa súa homóloga: “Foi frutífera e inspiradora. Compartir sempre é positivo e nós temos moito que aprender das capacidades de Cataluña no eido da I+D+i e o gran traballo que fan nos seus laboratorios de investigación”.

Pola súa parte, a representante da Generalitat catalá agradeceu a acollida en Galicia e asegurou que é “unha oportunidade de traballo conxunto en favor do talento, a innovación e o progreso compartido”. “Temos moito que aprender de Galicia, no camiño da I+D+i precísanse modelos e aquí tédelos, modelos que funcionan e con resultados moi importantes”, engadiu Núria Montserrat, quen incidiu en que a xornada de hoxe permite “fortalecer os nosos ecosistemas científicos e universitarios e, ao mesmo tempo, reforzar o papel da investigación como motor de oportunidades para a cidadanía, cun reto compartido: impulsar a innovación e o talento que xera coñecemento e valor”.

Visita a centros excelentes

Para coñecer en primeira persoa esta realidade, os conselleiros visitaron varios centros de coñecemento. En concreto, achegáronse aos dous centros de investigación da Rede CIGUS universitaria que teñen o selo María de Maeztu, o máis prestixioso a nivel estatal. Trátase do CIMUS (Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas), da Universidade de Santiago, onde foron recibidos pola súa directora, Mabel Loza, e o IGFAE (Instituto Galego de Físicas de Altas Enerxías), centro compartido pola USC e a Xunta onde exerceu de anfitrión Carlos Salgado.

Román Rodríguez e Núria Montserrat tamén se achegaron ata o centro de investigación empresarial de Mestrelab, onde coñeceron os seus proxectos da man de Carlos Cobas e Pablo Álvarez. Este centro de recente apertura, está especializado en software científico e centrado en deseñar novas ferramentas dixitais de alto valor engadido para os sectores farmacéutico e biotecnolóxico. A Xunta de Galicia apoiou con 4,2 M€ a súa construción.

Encontro con axentes destacados

Finalmente, a conselleira de Investigación e Universidades de Cataluña puido dialogar con diferentes axentes destacados da I+D+i galega para coñecer de primeira man as súas investigacións, as potencialidades de Galicia e o progreso feito nos últimos anos en políticas públicas en apoio a este sector. Este encontro contou con personalidades tan destacadas como o catedrático de Química Orgánica da USC José Luis Mascareñas, o exdirector xeral de Investigación da Comisión Europea José Manuel Silva, o director do CIQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares) da USC, Diego Peña; o presidente de Bioga, José Manuel López; o director da Oficina de Coordinación Económica da Presidencia, Juan Carlos Reboredo, e Lois Orosa, director científico do Cesga (Centro de Supercomputación de Galicia), así como dos propios Mabel Loza e Carlos Salgado.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 26/09/2025