O directivo do departamento sanitario da Xunta interveu no acto de inauguración do 31 Congreso da Sociedade Galega de Hipertensión e 22 Congreso da Sociedade Galega de Risco Vascular
O xerente do Servizo Galego de Saúde incide no valor da medicina preventiva, da atención integral e dun sistema sanitario cohesionado na loita contra a patoloxía cardiovascular
Destaca que aconcienciación sobre a importancia dun estilo de vida saudable, dunha dieta equilibrada e do exercicio regular debe ser unha mensaxe constante e transversal no noso sistema de saúde
A loita contra esta patoloxía pasa por protocolos unificados, historia clínica electrónica compartida e canles de comunicación directas e rápidas entre o médico de familia e os especialistas hospitalarios
Sanxenxo (Pontevedra), 26 de setembro de 2025
O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Ramón Parada, sinalou que as patoloxías cardiovasculares son un reto e unha oportunidade para demostrar o valor da medicina preventiva, da forza da atención integral e da necesidade dun sistema sanitario verdadeiramente cohesionado.
O directivo do departamento sanitario da Xunta interveu no acto de inauguración do 31 Congreso da Sociedade Galega de Hipertensión e 22 Congreso da Sociedade Galega de Risco Vascular.
Neste contexto, José Ramón Parada incidiu en que as enfermidades cardiovasculares non son só un problema médico senón, tamén, social e económico, e a prevención é a mellor medicina e o investimento máis rendible.
A concienciación sobre a importancia dun estilo de vida saudable, dunha dieta equilibrada e do exercicio regular, debe ser unha mensaxe constante e transversal no noso sistema de saúde. A prevención non só salva vidas, tamén aforra sufrimento e alivia a presión sobre o sistema sanitario a longo prazo, subliñou o xerente do Servizo Galego de Saúde.
Tamén se referiu á importancia da continuidade asistencial e indicou que, neste sentido, o Servizo Galego de Saúde cre nun sistema sen fisuras, onde o paciente se sinta acompañado na transición entre o seu centro de saúde e o hospital.
O futuro -proseguiu- pasa por protocolos unificados, historia clínica electrónica compartida, canles de comunicación directas e rápidas entre o médico de familia e os especialistas hospitalarios.
José Ramón Parada subliñou que é necesario traballar como un único equipo, onde o paciente estea sempre no centro do sistema e onde se poidan despexar todas as barreiras burocráticas e informativas, con profesionais dos dous niveis asistenciais traballando por mellorar a calidade asistencial dos pacientes.