Así o destacou o titular de Sanidade na inauguración do programa formativo Medicina personalizada e de precisión: presente e futuro, que se desenvolve no salón de actos da Consellería
Gómez Caamaño avanza a posta en marcha o vindeiro ano dun ensaio clínico asistencial para garantir igualdade de acceso aos diagnósticos e tratamento avanzado fronte ao cancro
Tras a posta en marcha do protocolo PRECISGAL-REAL para garantir o acceso precoz a diagnósticos avanzados, a Xunta iniciará en 2026 o ensaio clínico PRECISGAL-TRIAL, destinado a pacientes con cancros avanzados sen opción terapéutica
O conselleiro de Sanidade remarca o compromiso absoluto da Xunta na loita contra o cancro e pon o valor a Estratexia Galega de Oncoloxía de Precisión no seu obxectivo de acadar un sistema sanitario máis equitativo
A inauguración deste programa formativo da Consellería de Sanidade coa coa participación de referentes como a directora do Instituto de Salud Carlos II, Marina Pollán, ou o responsable do Institute for Cancer Research de Noruega, Kjetil Tasken
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2025
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, inaugurou esta mañá a xornada de inauguración do programa formativo Medicina personalizada e de precisión: presente e futuro, un acto no que anunciou a previsión da Xunta de iniciar, en 2026, un novo ensaio clínico para aqueles cancros avanzados nos que non se dispoñan de opción terapéutica.
Tras a recente posta en marcha do protocolo asistencial PRECISGAL-REAL, que garante o acceso común aos diagnóstico dos pacientes con enfermidades tumorais complexas orfas de tratamentos, o Executivo reforzará a súa aposta por garantir tamén a igualdade no acceso aos tratamentos avanzados fronte ao cancro coa realización do ensaio clínico PRECISGAL-TRIAL.
Mediante este ensaio clínico, e tras recoller as mostras de sangue ou de realizar unha biopsias aos candidatos, farase unha análise xenética das súas células na procura de obter biomarcadores específicos. Cos resultados obtidos elaborarase un informe para a súa análise ante o Comité Molecular de Tumores, que se encargará de debater cada caso para determinar se existe algún tratamento que se adapte ás variacións xenéticas dos pacientes, ou ben se existe algún ensaio clínico en activo acaído.
O responsable da carteira sanitaria da Xunta remarcou os importante pasos que o Executivo galego está nos ámbitos da medicina personalizada e de precisión. Así, salientou o valor da Estratexia Galega de Oncoloxía de Precisión, unha folla de ruta que ten por obxectivo principal “garantir a igualdade no acceso aos diagnósticos e ás terapias a todos os pacientes” e así “conseguir un sistema sanitario máis efectivo, seguro, eficiente e, sobre todo, equitativo”.
Gómez Caamaño remarcou o “compromiso absoluto” do Goberno galego na loita contra o cancro e tamén puxo en valor a importancia de contar cun Comité Molecular de Tumores de Galicia.
O conselleiro de Sanidade pechou a súa intervención subliñando a boa acollida que tivo esta xornada que tamén será o punto de partida dun novo ciclo formativo sobre medicina personalizada e de precisión co que o Servizo Galego de Saúde formará ao seu persoal facultativo e investigador. Agradeceu a participación de profesionais, referentes no eido da oncoloxía, como é o caso da directora do Instituto de Salud Carlos III, Marina Pollán, ou do responsable do Institute for Cancer Research de Noruega, Kjetil Tasken, que participará na xornada de forma telemática.