A Xunta licita por 2,4 M€ equipamento para automatizar os servizos de farmacia dos hospitais comarcais do Servizo Galego de Saúde
Mércanse sistemas automatizados de dispensación e almacenamento de medicamentos en carrusel vertical
Esta actuación enmárcase no plan de optimización e robotización da dispensación de medicamentos nos centros sanitarios comarcais do Servizo Galego de Saúde
Ambos os tipos de solucións automatizadas permiten liberar recursos humanos de tarefas loxísticas repetitivas, posibilitando unha maior dedicación a actividades de valor clínico asistencial
Santiago de Compostela, 30 de setembro de 2025
A Xunta publica, no Portal de Contratos Públicos de Galicia, por medio da Consellería de Sanidade, a licitación de equipamento de farmacia con destino aos hospitais comarcais do Servizo Galego de Saúde, por un importe de 2.422.323 euros.
As empresas interesadas nesta contratación teñen de prazo ata o día 16 de outubro para presentar as súas ofertas.
A presente contratación responde á necesidade de mellorar a eficiencia loxística, a trazabilidade e a seguridade na xestión de medicamentos nos servizos de farmacia dos hospitais comarcais (Barbanza, O Salnés, Verín, Cee, Valdeorras, A Mariña e Monforte de Lemos).
A tal efecto, mércanse sistemas automatizados de dispensación de medicamentos e sistemas de almacenamento automatizado en carrusel vertical.
Esta actuación enmárcase no plan de optimización e robotización da dispensación de medicamentos nos centros sanitarios comarcais do Servizo Galego de Saúde, que conleva unha reorganización dos espazos dispoñibles para o almacenamento, distribución e preparación de medicamentos.
Vantaxes do novo equipamento
A implementación de sistemas automáticos de almacenamento tipo carrusel vertical permitirá unha xestión máis eficiente do espazo físico dispoñible, optimizando a accesibilidade aos medicamentos, axilizando a preparación de pedidos internos e mellorando o control e rotación do stock.
Estes equipos favorecen unha operativa máis fluída e precisa, reducindo os tempos de busca e manipulación de produtos.
Pola súa parte, os sistemas automáticos de dispensación constitúen unha solución robotizada instalada nas unidades de enfermería, que permite o acceso seguro, controlado e trazable á medicación prescrita para cada paciente.
Estes dispositivos melloran a eficiencia na distribución de medicamentos, optimizan a xestión do inventario en tempo real, entre outras vantaxes.
A súa integración cos sistemas de información hospitalarios garanten a trazabilidade completa do medicamento e reforzan a seguridade no proceso asistencial, ao tempo que permiten aos profesionais de enfermería acceder de forma áxil e segura á medicación necesaria no momento adecuado.
Ambos os tipos de solucións automatizadas permiten, ademais, liberar recursos humanos de tarefas loxísticas repetitivas, posibilitando unha maior dedicación a actividades de valor clínico asistencial o que redunda nunha mellora global da calidade do servizo farmacéutico prestado e nunha xestión máis eficiente, sostible e segura dos recursos dispoñibles.