A Xunta inicia a vacinación da gripe e a covid-19 nos centros de maiores e de discapacidade lucenses
O delegado territorial, Javier Arias, explica que nos vindeiros días terán acceso á inmunización os usuarios de 52 residencias da terceira idade da área sanitaria
Destacou entre as novidades o programa piloto para vacinar a escolares de 3 a 11 anos nos propios centros educativos, no que participarán nove colexios da provincia
Arias visitou na segunda xornada da campaña a residencia de maiores da Milagrosa, onde o Goberno galego está a investir 1,6 millóns de euros nas obras de rehabilitación integral
Lugo, 30 de setembro de 2025
A Xunta iniciou onte a vacinación fronte á gripe e a covid-19 nas residencias de maiores lucenses, cuxos usuarios son, xunto cos dos centros de persoas con discapacidade, os primeiros en recibir a inmunización dentro da campaña que se prolongará ata o 31 de decembro.
O delegado territorial, Javier Arias, visitou a residencia da Milagrosa, onde explicou que na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos está previsto administrar a vacina nos vindeiros días en 52 centros residenciais da terceira idade. Tamén terá acceso a ela o persoal traballador destas institucións.
Nesta primeira fase adminístrase, como en campañas anteriores, a vacina antigripal reforzada aos usuarios das residencias e dos centros de discapacidade. A Consellería de Sanidade introduce este ano como novidade a ampliación das doses de alta carga a todas as persoas maiores de 70 anos, tras os bos resultados acadados no ensaio clínico ‘Galflu’.
Vacinación infantil
A partir do 13 de outubro, comezará a inmunización dos nenos e nenas de 6 meses a 11 anos nos centros de saúde. Como novidade, ampliarase a vacina da gripe por vía intranasal, que se aplica aos nenos dende os 24 meses ata os 11 anos.
Ademais, porase en marcha un programa piloto de vacinación para escolares de 3 a 11 anos nos propios centros educativos. Na provincia de Lugo foron seleccionados para participar os colexios Vista Alegre de Burela; Virxe do Monte de Cospeito; Dr. López Suárez de Friol; Lagostelle de Guitiriz; Luís Pimentel e San José de Lugo; Nosa Señora da Asunción de Sarria; Landro de Viveiro e a escola de educación infantil de Vilalba.
Resto da poboación
A campaña continuará o 20 de outubro coa vacinación de diferentes grupos de poboación: persoas de 70 e máis anos, persoas en situación de inmunosupresión, así como persoal sanitario e dos servizos de urxencias da comunidade.
O 3 de novembro comezará a quenda das mulleres embarazadas e os menores de 60 anos que padezan algunha patoloxía de risco. Unha semana despois, dende o 10 de novembro, terán acceso á vacina as persoas con 60 e máis anos, o persoal de servizos esenciais e as persoas con exposición laboral. A partir do 1 de decembro inmunizarase aos convivintes de persoas con risco e ao resto da poboación.
Obras na Milagrosa
O delegado territorial aproveitou a visita para comprobar a marcha das obras de rehabilitación integral que está a acometer a Xunta na residencia de maiores da Milagrosa, cun investimento de 1,6 millóns de euros.
A remodelación afecta á envolvente térmica, á cuberta e aos espazos interiores, e busca mellorar a eficiencia enerxética, a accesibilidade e o confort. Os traballos comezaron no verán e teñen un prazo de execución de 18 meses.