A directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), Marisa López, participou na presentación da campaña de doazón de sangue Este curso non perdas este bus, que tivo lugar na Facultade de Ciencias da Educación da Coruña

A Xunta anima aos estudantes da Universidade da Coruña a seguir aumentando as doazóns de sangue, que o pasado ano subiron un 1,3 % e superaron as 1.400

O reto é acadar este curso 4.500 doazóns nos campus galegos

A Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) leva xa máis de 30 anos de campañas entre os universitarios, con preto de 66.000 doazóns rexistradas na Universidade da Coruña

ADOS pon en valor a colaboración continuada da Universidade da Coruña, con iniciativas como UDC saudable, que o pasado curso se sumou ao Reto 10.000 doazóns

A campaña de doazón universitaria da Xunta desenvólvese en dúas fases, de setembro a novembro e de febreiro a abril

Para levala a cabo a Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue conta cos equipos de hemodoazón integrados por 106 profesionais

A Coruña, 1 de outubro de 2025

 A directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López, animou aos estudantes da Universidade da Coruña a seguir a incrementar as doazóns de sangue, que o pasado ano subiron un 1,3 % nos campus da Coruña e Ferrol e acadaron as 1.421, con 493 novos doadores.

A directora da Axencia, xunto co reitor da UDC, Ricardo Cao, participou na presentación da nova edición da campaña universitaria de doazón de sangue Este curso non perdas este bus, que tivo lugar na Facultade de Ciencias da Educación.

A campaña de doazón desenvolverase en dúas fases, a primeira de setembro a novembro e a segunda de febreiro a abril.

Para levala a cabo, a Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) conta cos equipos de hemodoazón integrados por 106 profesionais, entre persoal médico, de enfermería, de coidados auxiliares e condutores, que fan posible que este proceso se realice sempre en condicións de máxima seguridade e comodidade

Son xa máis de 30 anos de compromiso nos campus da comunidade, con preto de 66.000 doazóns rexistradas na Universidade da Coruña desde entón, cifra que reflicte a cultura solidaria que se segue a transmitir de xeración en xeración.

En concreto, no pasado curso a comunidade universitaria galega fixo posible máis de 4.300 doazóns, das cales o 30 % foron de novos doadores, o que supuxo incorporar 1.317 persoas que nunca antes doaran e que agora forman parte desta gran rede solidaria.

Obxectivos para este curso

O obxectivo deste ano é acadar as 4.500 doazóns en todos os campus galegos e, a tal efecto, Marisa López animou ao estudantado universitario a seguir a incrementar as doazóns para superar este reto.

Con tal propósito, as unidades móbiles de ADOS realizarán preto de 300 saídas para desprazarse polas distintas áreas universitarias e facilitar a participación do alumnado.

ADOS pon en valor o traballo da Universidade da Coruña pola súa colaboración continuada, a través de iniciativas como UDC saudable, que o pasado curso se sumou ao Reto 10.000 doazóns, impulsado pola Rede Española de Universidades Saudables.

Tamén agradece o compromiso constante a todo o alumnado, profesorado e persoal que ano tras ano responden á petición de colaboración nas campañas de doazón, tanto de sangue como de órganos. 

Cómpre lembrar que o pasado ano Galicia acadou un fito histórico sumando 424 transplantes grazas á xenerosidade de 137 doadores.

No marco da campaña de doazón de sangue nas universidades, a unidade móbil de ADOS permanece hoxe estacionada no Campus de Elviña, xunto á Facultade de Ciencias da Educación, en horario de 9,30 a 14,30 horas.

Para máis información esta dispoñible a paxina web de ADOS: www.ados.sergas.gal

 

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 01/10/2025