A Xunta adxudica as obras de construción do novo centro de saúde de Boborás por un importe de 1,8 M€
A nova infraestrutura sanitaria permitirá ampliar en máis de 200 m² a superficie do actual centro de saúde ata acadar os 786 m²
A ampliación de espazos posibilitará incrementar os seus servizos, cunha consulta de saúde da muller, unha consulta polivalente de urxencias e outra destinada aos pacientes respiratorios
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2025
O Servizo Galego de Saúde vén de adxudicar á empresa COVIASTEC S.L. a construción do novo centro de saúde de Boborás por un importe de 1.816.809 euros.
A nova infraestrutura permitirá ampliar en máis de 200 m² a superficie do actual centro de saúde ata acadar os 786 m², o que tamén posibilitará a ampliación dos seus servizos.
En concreto, posibilitará dispor dunha consulta para a saúde da muller, unha consulta polivalente de urxencias e outra destinada aos pacientes respiratorios.
Ademais, o novo inmoble contará con dúas consultas de medicina, dúas consultas de enfermería e tamén unha novas sala de xuntas.
O deseño elixido para o novo centro de saúde busca a mellor integración coa contorna en todos os seus aspectos, empregando materiais característicos da zona, como a pedra e a madeira.
A empresa adxudicataria dispón do prazo de 16 meses para levar a cabo a construción deste novo centro de saúde co que se optimizará a calidade dos servizos asistenciais nesta localidade ourensá.