A Xunta inicia o proceso de sometemento a información pública do proxecto de explotación do transporte regular na comarca do Barbanza
O Diario Oficial de Galicia fai público hoxe o redeseño do Goberno galego para que as persoas interesadas que o consideren oportuno poidan presentar alegacións
A planificación responde a demandas locais e pretende crear novas liñas que melloren o acceso a servizos esenciais como sanidade e educación
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2025
O Diario Oficial de Galicia anuncia hoxe o inicio do sometemento a información pública do proxecto de explotación do servizo público de transporte regular de viaxeiros por estrada da Comarca do Barbanza, cuxa documentación estará á disposición da cidadanía na web da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes. Dende o día seguinte a esta publicación ábrese un prazo de dez días hábiles para que as persoas interesadas poidan formular por escrito as alegacións que consideren oportunas ao redeseño da Xunta dos servizos para atender as necesidades reais de mobilidade da comarca, coa mellora das conexións na bisbarra e con Santiago de Compostela.
O proxecto de explotación contempla un incremento do investimento por parte da Administración autonómica, acadando os 3 millóns de euros anuais, o que supón un orzamento total de máis de 15 millóns de euros polos cinco anos polos que se establece a duración da concesión. Contará tamén cun total de 48 vehículos destinados a dar servizo á zona, cinco máis que os actuais. Ademais, para adecuar a capacidade do servizo á demanda existente, a maioría dos autobuses terán máis de 55 prazas, cun total de 28 destes vehículos, o que supón 21 máis ca na concesión actual.
Canto ao volume de servizos, unha vez recalculados os itinerarios, circulacións e expedicións, a cifra de vehículos-quilómetros efectivos de produción supera os 3 millóns. Trátase dos quilómetros que computan como servizo útil prestado incluíndo os tramos en baleiro e derivados dos axustes pola demanda e optimización da rede de rutas.
No que se refire á reestruturación dos servizos con Santiago de Compostela, prestaranse, por unha parte, unha nova liña directa por autoestrada entre Ribeira e a cidade con 30 servizos ao día con frecuencias cada hora e nas fins de semana e festivos haberá 18 servizos con frecuencias de ata dúas horas. O servizo prestarase todos os días dende as 06,00 ata as 22,15 horas.
En seis servizos ao día de luns a domingo, esta liña contará con paradas na Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo, e tamén nos hospitais de Santiago de Compostela, en horarios adaptados ás quendas do persoal sanitario, facilitando a entrada e saída nas xornadas de traballo de mañá, mediodía e noite.
O proxecto de explotación incorpora unha nova liña comarcal entre Aguiño e Rianxo que vertebra o sur da comarca do Barbanza e permite conectar os núcleos desta zona e facer transbordo coa liña por autoestrada cara a capital galega. De luns a venres laborables, a liña ofrecerá 60 servizos ao día e nas fins de semana e festivos, 36. Así, establécense saídas tanto desde Aguiño como desde Rianxo cunha frecuencia de ata unha hora entre semana e de ata dúas horas os sábados domingos e festivos, asegurando os enlaces cos servizos directos. O servizo realizarase entre as 05,35 e as 23,00 horas.
Co redeseño, todos os núcleos do sur da comarca do Barbanza quedarán conectados cunha elevada frecuencia de servizos tanto no ámbito intracomarcal como na conexión con Santiago de Compostela.
Os servizos proxectados mellorarán tamén o resto das conexións da bisbarra. Refórzanse os servizos cara ao Hospital do Barbanza e amplíase o itinerario ata Rianxo, municipio que non conta actualmente con conexión directa co hospital. Ademais, adáptanse os horarios tanto para o persoal sanitario como para as persoas con citas médicas ou visitas.
Refórzanse as liñas que conectan o IES Nº1 e o IES Leliadoura, de Ribeira, para mellorar a atención de todo o alumnado, a través de novos itinerarios e servizos axustados aos horarios dos centros e dun mellor reparto do alumnado con reserva de praza nos autobuses.
O proxecto tamén incorpora novos servizos que melloran a mobilidade nos concellos de Dodro, Padrón e Rois creando dúas novas liñas: unha entre Bexo e Santiago de Compostela que terá paradas nos hospitais, con dez servizos diarios que permiten manter unha comunicación fluída ao longo de toda a xornada; e outra conecta Padrón e Dodro con Rianxo, facilitando así o acceso á liña comarcal que comunica os concellos do Barbanza. Ademais, establécese unha liña específica para garantir o transporte do alumnado de Dodro que estuda nos institutos de Padrón.
No eixo Ribeira-Noia-Santiago, introdúcense axustes nas liñas existentes para mellorar a coordinación cos horarios do alumnado de instituto e reducir os tempos de espera, atendendo as solicitudes recibidas tanto por parte dos concellos como dos usuarios. A conexión entre as comarcas do Barbanza e Noia tamén se optimiza, adaptando frecuencias e horarios ás necesidades actuais.
Con esta proposta, a Xunta reestruturará o transporte interurbano na comarca ofrecendo unha mellor adecuación ás necesidades de desprazamento da cidadanía da bisbarra. Os servizos proxectados permitirán conectar con maior facilidade e comodidade a comarca do Barbanza coa capital galega, ao tempo que mellora a accesibilidade aos servizos esenciais como a sanidade e a educación, e traballo.