A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático reuniuse hoxe co rexedor municipal
A Xunta e o Concello de Outes colaborarán para facilitar a recollida selectiva dos residuos urbanos
Ángeles Vázquez solicitará a Ecoembes que subministre colectores amarelos e azuis ao municipio e anima ao Goberno local a pedir as axudas autonómicas para a implantación do quinto contedor, destinado ao depósito da fracción orgánica
Durante a reunión a conselleira e o alcalde abordaron tamén as principais necesidades do concello en materia de abastecemento e depuración de augas
Santiago de Compostela, 1 de outubro de 2025
A Xunta e o Concello de Outes colaborarán nos vindeiros meses co obxectivo de reforzar o número de contedores á disposición da veciñanza co fin de facilitar a recollida selectiva das distintas fraccións de residuos de orixe doméstica. Así o acordaron hoxe a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o rexedor, Francisco Calo, que mantiveron unha reunión en Santiago para abordar diversos asuntos de interese municipal no marco das competencias que ten actualmente este departamento autonómico.
Concretamente, en materia de residuos urbanos a responsable autonómica trasladoulle ao alcalde que solicitará a Ecoembes, entidade sen ánimo de lucro encargada da xestión dos envases lixeiros (plástico, latas, briks...) e dos envases de papel e cartón, que subministre ao municipio este mesmo ano máis contedores amarelos e azuis para reforzar a recollida deste tipo de refugallos.
Así mesmo, tamén avanzou que a finais deste mesmo ano, a Xunta volverá convocar unha orde de axudas para apoiar ás entidades locais na compra de contedores marróns, o chamado quinto contedor destinado a recoller a materia orgánica que se xera a nivel doméstico, polo que animou ao Concello de Outes a solicitalas unha vez se publiquen.
Por outra banda, a conselleira e o alcalde tamén abordaron a situación dos servizos municipais relacionados coa xestión da auga no municipio. Neste sentido, o rexedor trasladoulle á conselleira que os pozos de bombeo de augas residuais e as foxas sépticas que dan servizo a pequenos núcleos de poboación do concello presentan unha serie de deficiencias susceptibles de corrixir.
Ao respecto, e tras lembrar que Outes recibiu este mesmo ano unha axuda económica da Xunta para realizar unha auditoría da súa rede de saneamento, Ángeles Vázquez animou ao rexedor a aproveitar os resultados desa análise para desenvolver proxectos técnicos cos que poder acceder ás axudas que convoca anualmente Augas de Galicia para a eliminación de puntos de infiltración nos sistemas municipais.
Segundo explicou a conselleira durante o encontro, as administracións locais beneficiarias da orde publicada este ano recibiron achegas de ata 45.000 euros para cubrir o 100% do custo daquelas obras identificadas como máis eficaces para optimizar o funcionamento das súas redes de saneamento.
Na mesma liña e ante as inquedanzas trasladadas polo alcalde sobre o estado da Estación de tratamento de auga potable (ETAP) de Roo e a tubaxe de condución á mesma, infraestruturas con máis de 25 anos de antigüidade, a responsable autonómica animouno a solicitar tamén de cara ao vindeiro ano as axudas autonómicas para a eliminación de perdas de auga na rede.
Nese senso, cómpre subliñar que aínda que a prestación dos servizos municipais de augas son unha responsabilidade de competencia municipal, a Xunta leva anos prestando o seu apoio técnico e financeiro aos concellos que o necesiten. De feito, Augas de Galicia conta este ano cun orzamento de 144 millóns de euros para seguir optimizando o saneamento e o abastecemento coa mellora de infraestruturas, a formación e divulgación, e a execución de políticas activas fronte ao cambio climático.