A Xunta realiza labores de protección fluvial para previr arrastres en 2,5 km en ríos de Barreiros

As tarefas que realiza Augas de Galicia prolongaranse durante cinco xornadas e están enmarcadas nas actuacións de carácter especial por mor dos incendios

Santiago de Compostela, 2 de outubro de 2025

A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, está a executar traballos de protección do dominio público hidráulico, en varios ríos do concello de Barreiros (Lugo), que implican actuar sobre máis de 2,5 quilómetros. As tarefas, que teñen un carácter especial por mor dos incendios do verán, implican dar prioridade á protección das canles ante posibles arrastres de cinza e de restos de madeira queimada.

As actuacións que se afrontan neste concello lucense están centradas nun tramo de algo máis de 1,8 quilómetros no río Masma, ao seu paso polo lugar de Rexa, nas parroquias de Celeiros de Mariñaos, en Santa Cristina, e en San Xusto de Cabarcos, en San Xusto. Tamén se desenvolven tarefas en 448 metros do Rego de Puxigas e noutros 239 metros nun río innominado, en ambos casos, tramos fluviais sitas no lugar de Rexa, na parroquia de San Xusto de Cabarcos, en San Xusto.

Os traballos, que se prolongarán durante cinco xornadas, consisten na colocación dun entramado  de biomasa, composto por polas e trocos, a modo de barreira que evite ou minimice os arrastres de cinza e chan cara as canles. Asemade, inclúen a implantación de albarradas na canle para reducir a velocidade da auga e reter posibles sedimentos.

Estes labores de protección fluvial para previr arrastres, que foron comunicados ao concello, realizaranse mediante a aplicación de ferramentas manuais, o uso de motoserras e tamén co emprego de podadora e minidumper.

Desde finais de agosto Augas de Galicia está a actuar nas marxes dos ríos para evitar a chegada de cinsas ás canles fluviais da Demarcación de Galicia-Costa en zonas danadas polo lume. En concreto, aplica distintas técnicas para crear barreiras anticontaminación, recorrendo principalmente a cordóns vexetais ou elementos de madeira aproveitando o propio material queimado dispoñible en cada zona.

Así, a comezos de outubro, estas actuacións para previr arrastres xa están rematadas en zonas  queimadas de Ponteceso, Lousame, Toques, A Estrada e Agolada, mentres que se están executando outras en Meaño e Vilaboa; ás que se suman desde hoxe as labores en Barreiros. Desde xeito, o organismo hidráulico autonómico actúa sobre case 13 quilómetros.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco das actuacións de conservación fluvial no dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa. O fin último dos traballos é protexer os leitos fluviais para favorecer as condicións naturais do ecosistema dos ríos, actuando nas áreas nas que a Xunta ten competencias, fóra das tramas urbanas fluviais de responsabilidade municipal.

Imaxes relacionadas

Data de actualización: 02/10/2025